Licitadas por 193.000 euros as obras do centro de interpretación da natureza de Friol

A Xunta vén de licitar por preto de 192.944 euros as obras de construción dun centro de interpretación da natureza na parroquia de San Pedro de Narla, no concello de Friol. A actuación enmárcase no Plan Hurbe, o programa da Xunta para colaborar cos concellos no impulso de actuacións de mellora de contornas urbanas, accesibilidade e dotacións e equipamentos públicos
A través desta colaboración, trátase de executar as obras de construción dun centro de interpretación da natureza na parroquia de San Pedro de Narla nunha parcela cunha superficie total de 1.588 m2. Proxéctase unha edificación de tipo tradicional, en consonancia coas edificacións existentes no núcleo de Narla. Dispoñerase no extremo suroeste da parcela, deixando libre a maior parte da parcela, e respectando as distancias necesarias dos lindeiros.
No devandito centro preténdese, por unha banda, levar a cabo diversas actividades educativas e divulgativas dirixidas a coñecer a natureza, por exemplo o ciclo das árbores, desde a súa plantación ata a súa tala e a súa transformación en madeira ou o proceso da produción de sementes, plantación de hortos, coidados forestais, utensilios e ferramentas de traballo, coidados ou as características dos montes. Por outra banda, preténdese destinalo a centro de formación ecolóxica e actividades agroforestais, obradoiros de emprego relacionados coa natureza, cursos e charlas informativas.
As obras contarán cun prazo de execución de 10 meses e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 2 de outubro.
A través do convenio asinado ao abeiro do Plan Hurbe, a Xunta cofinanciará nun 70% estas intervencións, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Friol achegará o 30% restante, realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.
Co Plan Hurbe, o Goberno galego busca axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, coincidentes neste caso coa realización de actuacións de mellora de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
A través de liñas de colaboración cos concellos como o citado programa autonómico, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.