Licitan a demolición do antigo colexio Pardo Bazán para facer a casa dos maiores

TerraChaXa
Antes da demolición revisarase o corte de todos os subministros e retirarase o tránsito en zonas de potencial perigo
antigo-colexio-Pardo-Bazan
25 Nov 2025

O Concello das Pontes vén de licitar a demolición do antigo Colexio Pardo Bazán cun orzamento de 400.205 euros, paso imprescindible para habilitar a parcela onde a Deputación da Coruña construirá a futura Casa de Acompañamento a Persoas Maiores, o primeiro xeriátrico público do municipio.

O conxunto consta de dúas edificacións diferenciadas. A orixinal, situada na esquina de Pardo Bazán con Calderón de la Barca, está construída con cerramentos portantes de dobre fábrica de ladrillo, estrutura horizontal de madeira maciza de castiñeiro e cuberta de lousa. A ampliación, executada en formigón armado con forxados unidireccionais, conta con cubertas inclinadas sobre estruturas metálicas e de madeira, ademais dunha zona de ximnasio parcialmente soterrada.

Antes da demolición revisarase o corte de todos os subministros e retirarase o tránsito en zonas de potencial perigo. A demolición realizarase de arriba abaixo, eliminando previamente os elementos que dificulten o desescombro e realizarase en dez fases: desde a retirada de cubertas carpinterías e estruturas metálicas, ata o derrubo controlado do muro sur e da antiga vivenda adosada pasando pola demolición específica do edificio, situado á beira da rúa Calderón de la Barca, que se executará con técnicas combinadas manuais e mecánicas pola singularidade da súa estrutura.

Posteriormente retiraranse tabiques e cerramentos, derrubaranse fachadas cara ao interior e iniciarase a demolición dos forxados, retirando capa de compresión, bovedillas, viguetas e vigas en tramos seguros e sempre controlados.

A intervención concluirá coa demolición da cimentación e pavimentos, o traslado dos residuos a xestores autorizados e a recuperación dos áridos.

As actuacións afectarán puntualmente á mobilidade: a rúa Calderón de la Barca e a rúa Ramón e Cajal permanecerán pechadas ao tráfico de vehículos nas fases máis sensibles, e restrinxirase o paso peonil de forma puntual, sempre baixo supervisión do persoal de obra.

Unha vez finalizada a demolición, a parcela quedará valada cun peche metálico.

O Concello salienta que esta intervención permitirá dispor dun solar seguro e plenamente preparado para iniciar a construción dunha infraestrutura esencial para o futuro dos servizos sociais nas Pontes e comarca.

⚙ Configurar cookies
0.081689119338989