Licitan a obra de mellora da seguridade viaria no núcleo do Paraño, nas Pontes

TerraChaXa
Neste momento, o proceso atópase en avaliación das ofertas presentadas polas empresas interesadas
obras-estradas-abadin-melloras
15 Jan 2026

O Concello das Pontes iniciou a fase de licitación das obras para a mellora da seguridade viaria no núcleo rural de O Paraño, cun investimento previsto de 109.346,76 euros, procedentes da Deputación da Coruña. Neste momento, o proceso atópase en avaliación das ofertas presentadas polas empresas interesadas.

O proxecto contempla a rehabilitación estrutural e superficial da calzada que dá acceso ás vivendas, coa finalidade de mellorar a seguridade e a comodidade no tránsito de vehículos e peóns.

Entre as actuacións previstas destaca a rebaixa da rasante do viario para situala por debaixo das entradas ás vivendas, o reperfilado das marxes e das cunetas, e a execución dun novo firme composto por zahorra artificial e formigón bituminoso. Nas zonas fronte ás vivendas, instalarase unha franxa peonil de formigón que alertará da posible presenza de peóns.

Ademais, o proxecto inclúe a instalación de redutores de velocidade, a canalización e recollida de augas pluviais mediante tubos e arquetas sumidoiro, e a reposición dos servizos de abastecemento de auga e subministro eléctrico que se poidan ver afectados.

Rematados estes traballos executarase a reposición da sinalización horizontal e vertical para garantir que o viario cumpra coas condicións de seguridade viario.

Esta actuación enmárcase no compromiso do Concello das Pontes coa mellora das infraestruturas viarias e a calidade de vida nos núcleos rurais do municipio, dando prioridade á seguridade dos veciños e veciñas.

⚙ Configurar cookies
0.070492029190063