Licitan as obras da estrada que une A Pastoriza e Muimenta
A Deputación de Lugo vén de aprobar a licitación de obras de mellora na estrada provincial LU-P-4401, que une o concello da Pastoriza coa localidade de Muimenta, en Cospeito. Esta actuación contará cun orzamento base de 304.251€ e beneficiará a tres concellos da comarca da Terra Chá: A Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei.
A actuación levarase a cabo en toda esta estrada provincial, con 10,925 quilómetros de lonxitude. Os traballos consistirán na rexeneración do aglomerado por tramos e na reposición da pintura nos preto de 11 quilómetros da vía, mellorando a súa seguridade e comodidade de xeito integral. Unha vez iniciadas, o prazo de execución é de 6 meses.
A institución provincial suma esta nova actuación na súa rede de estradas, a máis longa de España, dentro da aposta do Goberno pola mellora da mobilidade para favorecer o reequilibrio territorial, especialmente en zonas rurais.