Licitan as obras de rehabilitación integral do CEIP Virxe do Corpiño
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publicou onte a licitación das obras de rehabilitación integral do CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, que contan cun orzamento de 545.600 euros e cuia intervención seguirá os criterios marcados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.
O procedemento de contratación tramítase pola vía de urxencia coa previsión de aproveitar as vacacións de verán para iniciar as obras, que teñen un prazo estimado de execución de cinco meses. As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o día 9 de xuño.
Boa parte do investimento neste colexio está orientado a medidas de eficiencia enerxética, que conseguirán un aforro do consumo e das emisións contaminantes á atmosfera. Así, substituiranse as carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluso as caixas de persiana existentes por un sistema con illamento incorporado. Tamén se colocará un novo illamento exterior tipo SATE nas fachadas e cambiaranse as luminarias outras tipo LED con equipos de regulación e detección de movemento.
Ademais, está previsto habilitar unha nova aula de infantil e instalar un ascensor e unha escaleira nova, ademais de cambiar os falsos teitos por paneis con illamento acústico de lá de roca, renovar baixantes en mal estado e realizar diversas melloras en acabados de paredes e pavimentos.
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia aposta por infraestruturas escolares mellor acondicionadas, máis cómodas para o alumnado e o profesorado e máis sostibles desde o punto de vista medioambiental.
No caso deste contrato, os criterios medioambientais gañan peso e considerarase unha condición especial de execución da obra a compra de cando menos un 10% dos materiais e subministros necesarios en establecementos de proximidade, realizada nun radio inferior a 200 quilómetros.