Licitan as obras de saneamento na parroquia de Roimil, Friol
A Xunta licita hoxe a través da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia as obras para dotar dunha rede de saneamento e depuración de augas residuais á parroquia de San Xiao de Roimil, no concello de Friol.
Así o anunciou o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, quen explicou que os traballos saen a licitación por un orzamento próximo aos 253.000 euros (252.714 €) e as empresas interesadas teñen de prazo para presentar ofertas ata o vindeiro 2 de decembro.
A actuación servirá para achegar este servizo aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira. As obras previstas céntranse na construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que estará formado por unha depuradora de oxidación total.
A rede de saneamento proposta consiste nunha condución principal, dous colectores que verten ao principal e catro ramais secundarios, construídos en tubaxe de PVC. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.
A infraestrutura proxectada por Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, beneficiará a 20 vivendas que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.
Arias lembrou que a intervención é froito dun convenio entre a Xunta e o Concello de Friol, polo que a Administración autonómica achega o 80% do orzamento e a entidade local o 20% restante. As obras teñen un prazo de execución estimado de seis meses unha vez formalizado o contrato.
Augas de Galicia prevé realizar esta actuación no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE aos efectos ocasionados pola pandemia da covid-19.