Licitan nas Pontes a construción de novos nichos no cemiterio dos Alimpiadoiros

TerraChaXa
A actuación contempla a construción dun módulo duns 99 metros cadrados de superficie, que albergará 96 nichos e 32 columbarios
cemiterio-dos-alimpiadores-as-pontes-portada
20 Jan 2026

O Concello das Pontes licita as obras para a construción dun novo módulo de nichos de formigón no cemiterio dos Alimpadoiros, cun orzamento de licitación de 92.000 euros.

A actuación contempla a construción dun módulo duns 99 metros cadrados de superficie, que albergará 96 nichos e 32 columbarios, distribuídos en tres alturas cun columbario na parte superior, un sistema amplamente implantado e aceptado pola veciñanza.

As obras executaranse mediante un sistema de formigón armado realizado in situ, empregando moldes prefabricados, o que permitirá unha execución rápida, cun custo contido e cunha alta durabilidade. Este método construtivo garante unha estrutura monolítica, de gran resistencia e totalmente hermética, evitando filtracións de lixiviados, emisións de gases e problemas de humidades, cumprindo así cos requisitos sanitarios e ambientais esixidos.

O proxecto inclúe a execución da cimentación mediante lousa de formigón armado, a conexión do módulo á rede de saneamento existente, a instalación de sistemas de evacuación de augas e lixiviados, así como a construción dunha cuberta de lousa natural que permitirá a integración estética do novo módulo no conxunto do cemiterio.

Con esta licitación, o Concello das Pontes continúa a traballar na mellora dos servizos públicos municipais, garantindo unhas instalacións funerarias modernas, seguras e adaptadas ás necesidades actuais e futuras da poboación.

⚙ Configurar cookies
0.075530052185059