Licitan nas Pontes as obras de mellora da rúa Anduriñas
O Concello das Pontes aprobou a licitación do expediente as obras de mellora da pavimentación e os servizos na Rua Anduriñas así como os traballos de traslado da marquesiña á Rúa Camelias, un proxecto cun orzamento de 191.270 euros, con cargo á Deputación da Coruña.
Este proxecto permitirá a renovación da calzada e beirarrúas do viario co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade para o que será preciso unificar a cota así como definir un único sentido de circulación, con espazo para aparcamento na marxe dereita do viario, en sentido da marcha.
As zonas de circulación diferenciaranse mediante o emprego de distintos pavimentos, seleccionándose as baldosas de formigón prefabricado para as bandas laterais destinadas ao tránsito peonil e as lastras de formigón na calzada central destinadas ao tráfico rodado de vehículos.
Entre os traballos previstos tamén se inclúe a renovación da rede unitaria de saneamento (mixta residuais- pluviais) existente que será substituída por unha rede separativa con colectores de PVC. Así mesmo procederase á substitución e renovación da canalización do alumeado publico municipal coa instalación de novas columnas e luminarias led a tresbolillo.
As obras contemplan a instalación de mobiliario urbano (bancos, papeleiras e xardineiras) e rematarán coa reposición da sinalización, vertical e horizontal, seguindo as normas vixentes en materia de seguridade viaria.