Licitan novas actuacións no Castro de Viladonga

TerraChaXa
A Consellería de Cultura e Turismo vén de licitar, coa publicación no portal de contratos de Galicia, a obra de ampliación dos traballos de posta en valor do sector nordés no castro de Viladonga, en Castro de Rei para a que se reserva un orzamento de 243.
230719 Viladonga
24 Xul 2019

A Consellería de Cultura e Turismo vén de licitar, coa publicación no portal de contratos de Galicia, a obra de ampliación dos traballos de posta en valor do sector nordés no castro de Viladonga, en Castro de Rei para a que se reserva un orzamento de 243.700 euros, IVE incluído.

Esta actuación complementa outras realizadas en anos anteriores, todas elas cun triplo obxectivo: garantir a conservación e protección das estruturas arqueolóxicas exhumadas, afondar no coñecemento e na investigación deste xacemento e favorecer a súa posta en valor e visita.

Cómpre lembrar que o xacemento arqueolóxico de Viladonga está protexido polo seu valor patrimonial e declarado Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento. Datado na Idade do Ferro e época romana, ten un especial potencial xa que logo por ser un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia e un dos máis coñecidos e visitados polo público en xeral.

O obxecto da actuación que se licita e que desenvolverá como parte da campaña 2019-2020 é levar a cabo os traballos de investigación, documentación, escavación, consolidación e acondicionamento dunha serie de espazos e estruturas arqueolóxicas localizadas no sector nordés da croa do castro, que suman unha superficie de actuación duns 830 m2, que inclúe as estruturas localizadas no 2018 así como outros espazos nos que é preciso intervir para garantir a súa conservación e protección e conseguir a súa posta en valor e mellor comprensión e visibilidade por parte do público que visite este xacemento

Xunto a esta actuación principal tamén se levará a cabo a escavación e restauración dun tramo de 50 m2 do lenzo interior da muralla que defende a croa do castro, que sufriu o derrubamento en febreiro deste ano.

Tamén está previsto, a roza e limpeza de vexetación do xacemento arqueolóxico (croa, antecastros, murallas, parapetos e fosos) de aproximadamente 3 hectáreas de superficie.

Por último, quérese difundir entre a cidadanía os traballos que se van realizar mediante diferentes accións de divulgación.

Balseiro explicou que os traballos executaranse con metodoloxía arqueolóxica e, polo tanto, inclúen o inventario do material arqueolóxico que poida atoparse así como un levantamento planimétrico da área de escavación, debuxo arqueolóxico a escala de detalle e outros procedementos incluídos no protocolo de escavacións.

0.10608887672424