Licitan o contrato para dotar á residencia de maiores de Meira
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a Xunta de Goberno provincial aprobou a licitación do contrato para a dotación de equipamento ao centro de atención a maiores de Meira cun orzamento de preto de 300.000 euros.
O contrato divídese en cinco lotes -mobiliario xeral; equipos médicos, xogos e material pedagóxico e axudas; lavandería; pequenos electrodomésticos e material de limpeza; e cortinaxe-, entre os que cabe destacar a mellora das 30 camas destinadas aos residentes, que terán 105cm. de ancho. Esta licitación establece unha posible ampliación na compra de material para o aumento das prazas para residentes das 30 iniciais a 38.
“Seguimos dando pasos importantes para cumprir cos compromisos desta Deputación cos concellos e cos veciños e veciñas da provincia en materia de residencias. Co este contrato damos un paso importante de cara a cumprir coa nosa previsión de abrir o Centro de Atención a Maiores de Meira no primeiro semestre do ano, de cara ao verán”, afirmou o presidente.
En relación ás residencias, o Presidente destacou a aprobación do Plan de Seguridade e Saúde do Traballo para acometer as obras de acondicionamento necesarias para abrir o centro de maiores de Pedrafita do Cebreiro nesta primavera. A apertura destes dous centros, xunto á previsión de apertura de Navia de Suarna a finais de ano permitirá aumentar a rede provincial de residencias das 5 actuais -Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde-, ata 8.