Licitan o proxecto de ampliación do centro de saúde de Meira
A Xunta de Galicia licitou a redacción do proxecto básico para a ampliación e reforma do centro de saúde de Meira, unha vez que foi publicada recentemente no Portal de Contratos Públicos de Galicia.
As obras no centro de saúde, que é tamén o Punto de Atención Continuada (PAC) de referencia para os municipios da contorna (Pastoriza, A Pontenova, Ribeira de Piquín e Riotorto), consistirán nunha ampliación de arredor de 1.200 m2, o que significa triplicar a superficie do actual edificio. Isto permitirá crear novos espazos como unha consulta de enfermería pediátrica, unha sala polivalente ou unha sala de técnicas na que realizar ecografías, cirurxía menor ou o programa da muller. Pola súa banda, na área do PAC incorporarase un box de críticos e melloraranse a zona de recepción e admisión e a sala de espera. No que se refire ao persoal, o centro contará por primeira vez con despacho de coordinación, sala de estar e vestiarios. Finalmente, adaptaranse os aseos.
Tal e como se recolle no Portal de contratos públicos de Galicia o prazo de execución para redacción deste proxecto arquitectónico, unha vez adxudicado, será de dous meses, cun importe de licitación de case 159.000 euros.
Esta reforma e ampliación forma parte da Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia, aprobado polo goberno galego en outubro de 2021 e que contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14 no conxunto da comunidade.
No caso de Meira, ao tratarse dunha obra sobre un edificio xa de titularidade autonómica e con parcela propia suficiente para acometer a obra sen necesidade de expropiación ou modificacións urbanísticas, a Xunta unicamente requiriu do concello a sinatura dun convenio para eximir esta obra de tributos municipais.
Así, en marzo de 2022, a Xunta, a través do seu delegado territorial en Lugo, trasladou ao concello unha proposta de convenio, finalmente asinado en xuño, no que se estableceu que o concello adquiría o compromiso de recoller a exención do IBI para esta infraestrutura sanitaria e a declarar a esta obra como de especial interese ou utilidade municipal para aplicarlle unha bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras, de acordo co disposto no artigo 103.2.a) do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.
Pola súa banda, no convenio a Xunta asumiu a elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico, así como a contratación e dirección das obras de modernización e ampliación do centro de saúde, con cargo aos seus orzamentos.