Licitan por 355.400 euros a segunda fase das obras da traída en Castro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
A Consellería de Infraestruturas vén de publicar a licitación das obras da segunda fase da mellora do abastecemento en Castro de Rei.
obras abastecemento de auga en castro de rei
30 Xul 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación das obras da segunda fase da mellora do abastecemento de auga ao concello de Castro de Rei, por un importe de 355.420 euros.

Os traballos serán cofinanciados entre ambas administracións, segundo o convenio de colaboración asinado. Así, Augas de Galicia achegará o 80% e a entidade local o 20% restante.

As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o día 31 de agosto e as obras terán un prazo de execución estimado de seis meses. Servirán para mellorar as condicións de presión na rede de abastecemento no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e no polígono industrial, para evitar os problemas de abastecemento que se producen en época estival.

Trátase dunha nova actuación que lle dará continuidade á primeira fase da mellora do abastecemento, aprobada nun convenio anterior co Concello. As obras foron contratadas por Augas de Galicia o pasado mes de xuño e xa están en marcha.

A primeira fase conta cun investimento de 630.000 euros para construír dous tramos de tubaxe de abastecemento de fundición no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e inmediacións do termo municipal. Proxéctase tamén a execución de varias arquetas de formigón armado para aloxar as ventosas e desaugues proxectados, así como as conexións coa rede existente.

As novas obras complementarán a primeira intervención e centraranse na execución dun ramal que, partindo dun tramo de condución que se vai desenvolver na primeira fase, mellora a conexión co polígono industrial. Para acometer este ramal, emprégase unha condución de 1.529 metros con tubaxe de polietileno de 225 mm de diámetro.

A solución proxectada por Augas de Galicia no seu conxunto dará servizo a preto de 2.600 habitantes do municipio de Castro de Rei de cara ao ano 2040.

As actuacións serán financiadas no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

0.1916069984436