Lidia Mariño Ventoso únese ao ciclo Mulleres Galegas do Iescha
O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o venres 27 de outubro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha conferencia titulada Tralas pegadas da vella. Recordo no folclore da Gran Deusa Prehistórica, impartida por Lidia Mariño, fisioterapeuta e antropóloga. Presentará o acto Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.
Esta será a sétima conferencia correspondente ao ciclo Mulleres Galegas, programado polo Iescha para levar a cabo durante todo este ano 2023.
LIDIA MARIÑO VENTOSO
Nacida en Portosín en 1984. Diplomada en Fisioterapia, actualmente atópase rematando o Grao de Antropoloxía Social e Cultural na Uned.
Realizou varios cursos de extensión universitaria sobre antropoloxía, mitoloxía e ritualística galega; así como de investigación etnográfica, rituais con máscara, prehistoria, crenzas medievais e sobre as relacións entre a Natureza e a Cultura. En 2012 publica a novela histórica La verdad del bufón, no 2018 participa no libro colectivo Achegas ao
Patrimonio Inmaterial Galego e en 2022 no de Terapie Ancestrali co seu capítulo sobre a medicina tradicional galega.
Ten publicados numerosos artigos, así como tamén impartido conferencias, sobre diversos aspectos da mitoloxía, os ritos e as crenzas galegas. O seu tema fundamental de investigación é a figura da Vella mítica, que estuda aplicando os métodos da mitoloxía comparada. A esta personaxe está dedicado o seu blog Tralas pegadas da Vella.
Actualmente é colaboradora do programa da Televisión de Galicia Quen anda aí?, onde ten unha sección dedicada a crenzas e rituais.