Lino Rodríguez foi condenado por agresión a un afeccionado durante un partido do Pol
O alcalde de Pol, o socialista Liño Rodríguez, foi condenado polo Xulgado de Instrución Número 2 de Lugo, por agredir a un mozo durante un partido de fútbol no municipio.
A pena, tras acharlle culpable dun delito de lesións leves, é dunha multa de 540 euros e unha indemnización para o mozo de 120 euros.
Os feitos xulgados o pasado mes de setembro remóntanse ao pasado 8 de maio, durante o partido de fútbol entre o Pol e o Portomarín, onde ambos os equipos xogábanse o ascenso a Preferente.
A sentenza considera probado que o agredido, o afeccionado do Portomarín Brais Rodríguez, acudiu a Pol xunto cuns amigos, subíndose a unha especie de plataforma para animar ao seu equipo usando un bombo.
Recolle tamén que o alcalde reprochoulle esta actuación e, tras unha advertencia previa na que o rexedor lle habería pedido que se baixase da estrutura, produciuse o enfrontamento.
Daquela, Brais Rodríguez relatou que o rexedor lle colleu polo pescozo e ameazoulle. Lino Rodríguez admitiu que o agarrou pola cinta do bombo para facer que se desprazase, pero negou calquera agresión.
O rexedor avanzou que non recorrerá, á vez que defende que el se limitou a actuar como "autoridade" para desautorizar a actitude dos afeccionados do Portomarín.
PARTIDO POPULAR
Pola súa banda, o PP de Pol insta ao PSdeG a manifestarse e tomar as medidas pertinentes contra o alcalde socialista. Os populares rexeitan este tipo de actos "que demostran que non está a altura do seu cargo e amosan o seu rexeitamento á actitude especialmente altiva do rexedor" que menciona a propia sentenza ao dar por probado que Lino Rodríguez utilizou frases como "aquí mando eu, e ti non eres nada” ou “eu son o alcalde e o campo é meu” dirixíndose ao denunciante.
A este respecto, os populares do municipio lamentan esta “mala imaxe para Pol” e tamén lembran que “o campo é de titularidade municipal, unha instalación pública de tódolos veciños e veciñas de Pol; non é propiedade do actual alcalde”.
O PP local recalca que “estes comportamentos son habituais no rexedor municipal. Esta non é a primeira vez que ocorre algo similar. "Lino Rodríguez acumula unha serie de polémicas desde que en 2007 foi elixido alcalde por primeira vez, como a querela que presentou a exsecretaria-interventora do Concello en 2015 por acoso laboral. Ademais, no ano 2020, en plena pandemia, converteuse no primeiro caso dun rexedor multado por saltarse o confinamento sen a xustificación oportuna. A súa resposta foi que é o alcalde”, explican.
Para o PP local estes actos cada vez máis frecuentes “son causa do desgaste que ten ao fronte da alcaldía” e lamenta que “estea arrastrando unha serie de consecuencias que afectan aos seus veciños de todo o municipio”.