Localizan sete posibles campamentos militares romanos na provincia

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Sete novos posibles recintos arqueolóxicos de carácter temporal converten a Lugo na provincia galega con maior número de restos arqueolóxicos vinculados ás actividades do exército romano.
localizacion campamento romano cospeito
14 Feb 2024

Sete novos posibles recintos arqueolóxicos de carácter temporal converten a Lugo na provincia galega con maior número de restos arqueolóxicos vinculados ás actividades do exército romano. Así o sinala a publicación Entre valados e piñeirais. Achegas arqueolóxicas ao coñecemento da presenza militar romana na Galicia Nororiental, que un equipo de arqueólogos e investigadores do colectivo Romanarmy e diferentes universidades acaba de publicar no último número (33) da revista Croa, editada polo Museo do castro de Viladonga. A investigación está liderada polo arqueólogo Andrés Menéndez-Blanco (Universidade de Oviedo).

A publicación agrupa os novos achados en dous grupos, aqueles xacementos que ofrecen unha “fiabilidade alta” e os que se consideran “indicios probables”. Entre os primeiros, atópanse os recintos coñecidos como O Vedro da Fame (A Ermida, Riotorto), A Costa (Arcillá, Cospeito) e As Pardellas (Guillarei, Friol). No segundo grupo, sitúanse o Monte Endemil (San Xoán do Mato / Saa, Palas de Rei), Penoucos (Fonfría / Barbeitos, A Fonsagrada), O Campo da Matanza (O Cádavo, Baleira) e A Lagúa (Airexe, Baleira / Pereira, Castroverde). A diferencia entre os de fiabilidade alta e os indicios probables é en primeiro lugar o seu grao de conservación, que nos primeiros é máis elevado e poden ser encadrados e comparados con outros campamentos ben coñecidos. No segundo caso, a gran intensidade das tarefas agrícolas sobre as estruturas e o grao de degradación do xacemento impide ter o mesmo nivel de certeza, pero os investigadores dan a coñecer “pola necesidade de recorrer a elementos cada vez menos conspicuos dentro do rexistro arqueolóxico para responder ás nosas pregunta de investigación”.

A maior parte dos autores da publicación son membros do colectivo Romanarmy.eu, un equipo arqueolóxico enfocado na investigación e difusión da presenza militar romana no noroeste peninsular, pertencentes a diferentes universidades. Así, xunto a Andrés Menéndez-Blanco, asinan o artigo José Manuel Costa-García (Universidade de Salamanca), João Fonte (University of Exeter), Manuel Gago Mariño (Universidade de Santiago de Compostela), Víctor Vicente García (Veterum Arqueólogos, S.L.) e Pablo López Fernández (arqueólogo). 

Aínda que o grado de evidencia que teñen os diferentes sitios arqueolóxicos é distinto, os investigadores consideran que estes campamentos seguen a morfoloxía que xa foi documentada noutros recintos militares romanos do noroeste, e que é o resultado da aplicación dun módulo rectangular regular á topografía do lugar no que se establecen. Os xacementos poden clasificarse en dúas categorías que son relativamente abundantes no rexistro arqueolóxico galego: os grandes recintos que rondan ou superan as 10 hectáreas outros campamentos de tamaño medio que se atopan ao redor das 5 hectáreas. Entre os primeiros destaca Vedro da Fame (A Ermida, Riotorto), que con 14 hectáreas de tamaño é un dos meirandes de Galicia. Conta, ademais, con varios lenzos defensivos que definen un anexo na ladeira oeste de 2,6 ha. Polo momento descoñécese se estas defensas foron construídas no mesmo momento ou definen varias cronoloxías. Este feito converte ao Vedro da Fame nun caso único no noroeste peninsular.

Datos relevantes para novas interpretacións

Os achados achegan “datos relevantes para o desenvolvemento de novos marcos interpretativos” que nos permiten comprender os movementos do exército romano na actual Galicia. En concreto, os recintos de Penoucos (A Fonsagrada) e Campo da Matanza (O Cádavo, Baleira) inciden na abundancia de fortificacións romanas de campaña entre as montañas orientais de Galicia e o occidente asturiano. O longo val de Baleira puido ter “un papel central nos desprazamentos do exército romano a través do oriente lugués en sentido norte-sur”. O outro conxunto de xacementos, situados ao oeste do río Miño , “presentan máis dificultades interpretativas” pero tamén poden indicar o control de vías de comunicación e, sobre todo, cambian a distribución dos campamentos romanos en Galicia. “Comeza a diluírse a imaxe de dúas ‘illas’ ou concentracións afastadas”, explican os autores, “e os xacementos da Costa (Cospeito), O Alto das Pardellas (Friol) e O Monte Endemil (Palas de Rei), xunto con outros localizados recentemente, enchen este espazo baleiro do occidente lugués e o oriente coruñés, apuntando a unha distribución máis homoxénea dos sitios en toda Galicia”.

Os investigadores destacaron tamén que máis aló das hipóteses relativas ás rutas e direccións, “a presenza de poboados fortificados na contorna destes recintos tampouco pode ser ignorada á hora de interpretar as súas motivacións. Aínda que non temos evidencias de asaltos ou asedios a castros nas áreas galega e asturiana, os indicios de interrelacións entre poboados indíxenas e campamentos son cada vez máis numerosos”.

Sitios en vías de desaparición

Os investigadores alertan de que todos os recintos localizados están “moi alterados por unha acción humana continuada. Nunha paradoxal carreira, conforme dispoñemos de tecnoloxías e metodoloxías aplicadas que permiten a detección destes xacementos tan pouco visibles na paisaxe, os procesos de destrución destes sitios tamén se vai acelerando. Xunto co impacto da agricultura tradicional, nas últimas décadas os procesos de concentración parcelaria, de reforestación ou de construción de parques eólicos teñen sido críticos para moitos sitios”. Todos os sitios descubertos foron notificados formalmente á Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, instando á súa catalogación e, xa que logo, protección.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18104100227356