López Campos destaca o Belén de Begonte como un símbolo do Nadal Galego

TerraChaXa
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude deu o pregón da 54 edición desta tradicional instalación lucense que exhibe máis de 150 pezas, moitas delas autómatas
pregon-belen-de-begonte
1 Dec 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu o Belén de Begonte como “símbolo do Nadal galego” e enxalzou o seu valor cultural ao darlle “continuidade ás tradicións que son cerna do patrimonio inmaterial dun pobo e manteñen aceso o espírito comunitario e colectivo”. Fíxoo en calidade de pregoeiro da 54 edición desta instalación que se abriu ao público, e ata o 31 de xaneiro, neste municipio lucense con máis de 150 pezas, gran parte delas autómatas, e está declarada Festa de Interese Turístico.

Na súa intervención, o titular de Cultura do Goberno galego salientou tamén o feito de que, ao longo do seu máis de medio século de existencia, o Belén de Begonte “non só acadou manterse no tempo, senón que logrou convertese nun epicentro cultural da contorna durante estas datas”. Así, gabou a “coidada programación cultural e artística” artellada ao redor desta celebración, onde puxo en valor “o apoio incondicional” da Xunta ao longo deste anos.

Neste senso, celebrou que, co gallo do medio século do Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal, se publiquen este ano dúas antoloxías cos mellores traballos presentados, unha en castelán e outra en galego. Así mesmo, tamén aplaudiu que o Concurso de Arte incorpore o premio Novos valores, para a mellor obra dun artista de ata 18 anos.

Do mesmo xeito, destacou as “constantes iniciativas” para “mellorar, renovar e facer medrar aínda máis interese por non deixar de visitar a súa montaxe, que cada ano recibe ao redor de 4.000 persoas.

O PROGRAMA

O Belén de Begonte reforza este ano a súa programación cultural. O Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal cumpre medio século e celébrao coa publicación de dúas antoloxías cos mellores traballos presentados, unha en castelán e outra en galego; así mesmo, o Certame de Arte incorpora o premio Novos valores, para a mellor obra dun artista de ata 18 anos.

A dimensión que está cobrando este proxecto cultural conta coa implicación da comunidade educativa do CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, que creou unha unidade didáctica sobre o evento e acolle un curso de técnicas audiovisuais no marco do programa de Nadal. Ademais, axudan a coidar o Xardín do Belén, instalado xunto ao colexio e do que se obteñen os vexetais autóctonos que adornan o Nacemento.

De cara á presente edición, cómpre destacar que se fixeron traballos de mellora nas instalacións, que culminan cun mural de Diego As no frontispicio, e se incorporaron novas figuras ao Belén: unha noria, a Casa-Museo de Victor Corral en Baamonde, e o conxunto de autómatas “O Belén dentro do Belén”, en homenaxe ao creador do Belén, José Rodríguez Varela, e aos sacerdotes José e Jesús Domínguez Guizán.

Ademais dos citados certames de poesía e arte, tamén se convocan os de xornalismo, debuxo infantil e audiovisual sobre o Nadal, e distribuirase un libro que recolle os traballos premiados o pasado ano. Todos os detalles poden consultarse na web do Belén, que tamén ofrece outros recursos como unha visita virtual.

No tocante á promoción, o proxecto tamén segue medrando coa publicación dun folleto informativo en seis idiomas: galego, castelán, portugués, vasco, catalán e inglés.

⚙ Configurar cookies
0.083055019378662