Lourenzá acollerá a exposición itinerante 'O Camiño por Mar'
O concello de Lourenzá acollerá do 4 ao 6 de setembro a exposición 'O Camiño por Mar' que organiza a Asociación do Patrimonio Industrial de Galicia, Buxa. Trátase dunha mostra itinerante sobre a peregrinanción en bote de Dublín a Santiago feita por catro amigos irlandeses no ano 2014. O proxecto forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia.
Co fin de difundir e poñer en valor o Camiño por Mar, Buxa organiza esta exposición dirixida a todos os públicos que poderá visitarse na Sala de Exposicións do concello entre as 17.00 e as 20.00 horas. A través de grandes láminas con textos e ilustracións, descríbese a historia da peregrinación en bote desde Dublín así como do tráxico final que aconteceu na desembocadura do río Miño ademáis de contemplar algúns dos aspectos máis salientables das relacións entre Galicia e Irlanda.
Esta mostra itinerante, que continuará a súa andaina por outros concellos galegos, complementa a que, desde o 7 de xuño pode verse no Museo do Mar de Galicia en Vigo onde se está a restaurar o bote, o Naomhóig, xa convertido no símbolo do Camiño por Mar e epicentro dunha serie de actividades que rememorarán a tradición do Camiño por mar, da navegación e das históricas relacións galaico-irlandesas.
VIAXE A DUBLÍN. No ano 2014 un grupo de amigos irlandeses deciden construír un bote co que emprender o Camiño Xacobeo a remo dende Dublín a Santiago de Compostela.
A viaxe compoñíase de 2.500 quilómetros por mar que fixeron de xeito espaciado durante tres anos. Tras pasar polas costas inglesas e francesas, o bote bordeaba costas españolas para desembarcar finalmente no porto da Coruña. Dende alí, os tripulantes continuaron a peregrinación a pé ata Santiago de Compostela.
A construción do currach – así se denomina a embarcación- non foi doada. Despóis de traballar durante varios meses, puideron comezar as probas de navegación e adestramentos para a travesía.
En medio dunha grande expectación mediática, a aventura concluiu con éxito en 2016. Un ano máis tarde, os catro amigos decidiron facer unha ruta pola costa galega que acabou cun fatídico accidente en Caminha levándose por diante a vida de Danny e a embarcación.
As imaxes son cortesía de Anú Pictures e de Patricia Moriarty.