Lourenzá afirma que os populares volven á vella política da bronca e as descualificacións

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O equipo de goberno municipal de Lourenzá afirma que os populares volven á vella política da bronca e as descualificacións.
22 Xan 2020

O equipo de goberno municipal de Lourenzá afirma que os populares volven á vella política da bronca e as descualificacións. Resposta así ás críticas sobre a modificación da delimitación do núcleo rural de O Bordón e tamén manifesta que “ten graza que o PP de Lourenzá se dedique a dar leccións de política urbanística despois dos coñecidos casos que deixaron en herdanza da súa etapa como goberno”.

O goberno local engade “volven os populares laurentinos a facer o mesmo tipo de política que empregaba a voceira anterior e que tan bos resultados lles deu: a da mentira para descualificar ao equipo de goberno actual e mesmo ao outro grupo da oposición, o nacionalista”.

Ademais os gobernantes municipais aclaran que “a solicitude de modificación da delimitación do núcleo rural de O Bordón presentouna un particular, cos informes técnicos favorables correspondentes, e non o equipo de goberno, como dan a entender os populares. Este expediente xa aparecía na orde do día do pleno ordinario do mes de novembro e deixouse sobre a mesa, a petición dos grupos da oposición, para que fose analizado pola xunta de voceiros. Esta xunta reuniuse cos interesados, onde lles expuxeron os motivos da súa solicitude. Volve presentarse a solicitude no pleno ordinario do mes de xaneiro onde o voceiro popular le un escrito cun argumentario que parecía saído da mesma autoría que os que se facían na anterior corporación. Di o voceiro popular no comunicado de prensa que non queren que se derrube a construción que, polo visto, está afectada por un expediente da APLU. Que solución aportan os populares? Hai algunha outra forma posible? Din os populares que esas modificacións deben facerse antes. Recordarlles que esta obra foi solicitada cando aínda gobernaban eles. De todos os xeitos agardamos que o PP laurentino estea xa traballando nas alegacións que poden presentar antes da aprobación definitiva, que lle corresponde á Dirección Xeral de Urbanismo. De non facelo serían uns irresponsables e quedaría demostrado que o único que lles interesa é embarrar a política municipal”.

O equipo de goberno de Lourenzá manifesta tamén que “neste último Pleno aprobouse, cos votos favorables dos grupos socialista e nacionalista e o voto en contra dos populares, unha moción presentada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña para a mellora dos servizos da área sanitaria da Mariña. Queda demostrado con esta votación o pouco que lles preocupa o benestar dos seus veciños e veciñas. Alegaron para non aprobalo algo tan pouco crible como que non tiñan tempo para estudalo. Non sería que non se atrevían a aprobalo sen o consentimento da man que mece o berce, que non estaba presente ese día?

0.19319581985474