Lourenzá e Alfoz contarán con audioguías ficcionadas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, en colaboración co Grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), compañía con 30 anos de traxectoria que se converteu no grupo de teatro máis prolífico e coñecido da historia recente de Galicia, vén de iniciar os traballos para ampliar a oferta de audioguías ficcionadas no xeodestino.
40606992_292830361511526_3764089920667254784_o
23 Xul 2020

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, en colaboración co Grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), compañía con 30 anos de traxectoria que se converteu no grupo de teatro máis prolífico e coñecido da historia recente de Galicia, vén de iniciar os traballos para ampliar a oferta de audioguías ficcionadas no xeodestino. Neste caso trátase dos concellos de Alfoz e Lourenzá, con historias locais ficcionadas e un tratamento teatralizado de escenas e personaxes, configurada a partir de información recollida no territorio.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “A Mariña Lucense foi pioneira en activar audioguias ficcionadas para os centros históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, en catro idiomas distintos: galego, castelán, inglés e francés. Agora trátase de dar continuidade ao proxecto con estas novas audioguías, ampliando o seu alcance a contextos diferentes dentro do destino”. Para a posta en marcha deste proxecto a Mancomunidade contou co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.

As audioguías son un soporte moi espallado no sector turístico, utilizado habitualmente para valorizar o patrimonio histórico e artístico. Son un recurso complementario das visitas con guía e mesmo das visitas teatralizadas. Pero se estas últimas teñen que realizarse en grupo nun horario predeterminado, cun alto custe de produción e un prezo relativamente alto para o público destinatario, as audioguías ficcionadas permiten as visitas individualizadas, en parella ou grupos reducidos e sen cita previa, con custos de produción reducidos, mantemento mínimo e un prezo baixo para o público final.

Pola súa banda a axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Tania Hermida, sinalou que “as audioguías son un instrumento perfectamente adaptado ás limitacións e ás medidas hixiénico-sanitarias provocadas pola pandemia do coronavirus, como as restricións de aforos e aglomeracións, a necesaria distancia entre persoas, a desestacionalización, as actividades ao aire libre e en movemento, etc. Ademais, estas audioguías ficcionadas fan un tratamento distinto dos contidos das turísticas convencionais. Recóllese a información directamente da veciñanza, dáselle un tratamento ficcionado co obxectivo de crear unha narrativa ligada aos espazos visitados e convértese o paseo audioguiado nunha experiencia inmersiva emocional”.

Chévere iniciou hai tres anos unha investigación escénica arredor das narrativas espaciais en contornas urbanas, utilizando a comunicación sonora a través de dispositivos dixitais e auriculares para realizar visitas e paseos ficcionados por barrios e zonas históricas, adaptadas a usos turísticos. A súa investigación aliméntase da aprendizaxe da teoría da deriva situacionista, da tradición narrativa dos paseantes e flaneurs e de toda unha serie de interesantisimas prácticas artísticas que borran as fronteiras entre literatura, artes visuais, códigos cinematográficos e artes escénicas, dando lugar ao que se deu en chamar narrativas espaciais ou arte locativa, é dicir, todas aquelas prácticas nas que o relato se constrúe en relación a lugares polos que temos que transitar para poder acceder ás distintas partes da historia.

Hermida indicou que “o obxectivo fundamental é que a audioguía sirva para transmitir as historias dos espazos habitados, as pegadas que a poboación foi deixando na súa contorna, a memoria das xentes que viviron aquí, todo ese patrimonio inmaterial que corre o perigo de desaparecer xunto coas persoas: lendas, costumes, oficios, personaxes locais, festas, espazos de socialización e lugares singulares (tabernas, boticas, cines, bailes, escolas, prazas, parques, castelos...)”.

No caso de Alfoz, vaise ter en conta que o 10 de abril de 2020 cumpríronse oito séculos do fuero concedido polo rei Alfonso IX aos poboadores do enclave e, por tanto, celébrase o 800aniversario da vila de Castrodouro, arredor da cal se creou o concello. A idea é focalizar a audioguía na contorna e no propio Castelo-Torre de Castro de Ouro. No tocante a Lourenzá, o roteiro focalizarase na contorna do núcleo urbano de Vilanova, construído arredor do mosteiro de San Salvador, coa igrexa de Santa María e un pequeno e interesante rueiro, que dará para falar de feitos e personaxes vencellados á vila, algúns populares e outros históricos como o bispo Villaroel, o conde Osorio ou máis recentemente Xulia Minguillón e Francisco Fernández del Riego.

Fran Cajoto, o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, dixo que “a día de hoxe, veciños e visitantes poden desfrutar das audioguías traducidas a catro idiomas (galego, castelán, inglés e francés), de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Esta experiencia implica realizar un paseo guiado duns 45 minutos que se pode facer individualmente ou acompañado”. Tania Hermida explicou que “na web de turismo da Mancomunidade existe unha sección para as audioguías, onde o usuario poderá producilas ou descargalas nos 4 idiomas. Necesítase duns cascos, preferiblemente illantes, para desfrutar do son envolvente. Logo, colocarse no punto de inicio e deixarse guiar polas rúas de cada vila. A saída é dende a oficina de turismo municipal, excepto Viveiro que é dende a Praza Mayor. En Mondoñedo, na oficina de turismo, pódese solicitar información sobre o aluguer dun dispositivo mp3 e auriculares illantes. Recoméndase ter especial coidado co tránsito rodado ao camiñar e ao facer paradas xa que o son é nítido e moi envolvente”.

Audioguías existentes a día de hoxe:

Mondoñedo e familia

Un paseo emocionante pola cidade de Cunqueiro

O roteiro por Mondoñedo está baseadona figura do universal escritor, utilizando os espazos urbanos vencellados coa súa vida e coa súa obra como fío condutor.

Conversas nun Viveiro fantástico

Vive a historia de Viveiro xunto a un paseante nocturno polas súas rúas, prazas e personaxes históricos

O roteiro por Viveiro convértese nunha viaxe no tempo pola historia da cidade a través dalgúns personaxes históricos, uns anónimos e outros con relevancia na vida política, económica ou artística.

Ribadeo alén do tempo

Rememora vellos tempos con paseo polo rico escenario arquitectónico e legado indiano desta vila

O que se propón é un paseo por Ribadeo a través da memoria da arquitectura indiana de finais do século XIX e comezos do século XX.O legado indiano é un dos sinais de identidade de Ribadeo. As casas dos emigrantes retornados e outros edificios ligados ásúa influencia (mercados, escolas, hoteis, etc.) son un patrimonio construído que nos permite visibilizar un xeito de vida xa desaparecido, pero que marcou unha impronta ata o día de hoxe.

Máis información:

https://amarinalucense.gal/es/audioguias/

https://www.youtube.com/watch?v=vk9yfp-SxN8&t=230s

0.15436983108521