Lourenzá solicita que a Deputación e a Xunta medien na procura dun plan de viabilidade para Muebles Hermida
Os voceiros dos tres grupos da corporación municipal de Lourenzá, que son Manuel Arango (PSOE), Francisco Javier Rodríguez (PP) e Enrique Rocha (BNG) asinaron un acordo no que solicitan que a Deputación Provincial de Lugo, a Xunta de Galicia e os grupos parlamentares de PSOE, PP e BNG medien na procura dun plan de viabilidade para a empresa Muebles Hermida, “poñendo por diante a condición irrenunciable do pago dos salarios atrasados”.
No escrito indican tamén que a corporación municipal ponse “ó servizo de tod@s @s implicad@s na crise de Muebles Hermida coa mellor das predisposicións para entre todos acadar a mellor das solucións posibles. Por iso solicitamos unha reunión entre a dirección da empresa, os delegados dos traballadores e os grupos políticos para abordar esta grave crise”.
Ademais explican que “Lourenzá está a pasar por uns momentos duros ao ter case un cento de familias sen cobrar os seus salarios desde hai xa 4 meses. A situación é de pre emerxencia social e non podemos pasar e mirar para outro lado”.