Lugo suma un falecemento e 57 contaxios novos en 24 horas ao balance do covid-19
A pandemia do coronavirus continúa elevando as cifras de positivos na provincia de Lugo e nas últimas 24 horas xa son 482 os casos activos, 41 máis que onte. Pola contra produxéronse 16 novas altas polo que o número de novos contaxiados foi de 57. Ademais, faleceu unha muller de 93 anos ingresada no Hula.
En cifras xerais, por tanto, ata o día de hoxe hai 1.838 casos rexistrados, dos que 1.323 xa están curados e 33 persoas faleceron.
Aumentou tamén o número de ingresados. Seguen dous na UCI do Hula e agora hai 11 en hospitalización, dous novos, case todos en Lugo xa que só un está en Monforte.
Continúan activos os gromos máis importantes na provincia que están no Incio, na residencia de maiores principalmente e vinculados con Monforte e en Lugo, onde o número de contaxiados segue a crecer provocando tamén o peche de varios locais comerciais. Tamén están vixilantes da situación en Vilalba, onde segue a crecer o número de contaxios.
En Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.939, 141 máis que onte. Deles 1.304 son da área da Coruña, a área máis afectada, 482 da de Lugo, 266 da de Ourense, 179 da de Pontevedra, 185 da área de Vigo, 404 da de Santiago, e 119 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 95 en unidades de hospitalización e 2.832 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.183 persoas curadas, rexistrándose 635 falecementos.
Nas residencias de maiores, o número de afectados entre usuarios mantense en 99, a maioría concentrados no xeriátrico do Incio, mentres que o número traballadores destes centros contaxiados é de 40, un máis respecto á xornada previa.