Lugo Termal rexistra máis de 600 solicitudes no primeiro día de inscrición

TerraChaXa
O programa ofrece descontos de entre o 10% e o 20% para que as persoas lucenses de 50 anos
colas-inscricion-lugo-termal
3 Dec 2024

O programa Lugo Termal2024 da Deputación de Lugo comezou con éxito rotundo no primeiro día de inscricións, con colas durante toda a mañá no Rexistro do Pazo de San Marcos. Desde as 9 da mañá deste luns, veciños e veciñas da provincia presentaron as súas solicitudes, superando as 600 solicitudes tanto de forma presencial como telemática, o que reflicte a gran acollida desta iniciativa entre os lucenses.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, resaltou que a boa resposta da veciñanza confirma o crecemento do programa de termalismo da institución. “O Lugo Termal segue a afianzarse pola mellora constante e á forte demanda que ten entre os lucenses, demostrándoo ano tras ano, e este 2024 non é unha excepción”. Dende hoxe mesmo, “comezamos co proceso de validación das solicitudes, e dependendo da demanda, temos previsto ampliar nun 20% as prazas dispoñibles”, explicou Pablo Rivera.

Así mesmo, apuntou o deputado o importante esforzo inversor da Deputación nesta nova edición, incrementando a súa achega de 91.000 a 121.605 euros, o que permitiu aumentar en máis do 30% as prazas do programa, que agora ascenden a 1.750. “Isto supón unha notable mellora, dado que a Xunta de Galicia ofrece para toda a comunidade autónoma 1.230 prazas, das cales 520 menos das que ofrece a Deputación só para a provincia de Lugo”, subliñou.

O Lugo Termal 2024 ofrece descontos de entre o 10% e o 20% para que as persoas lucenses de 50 anos ou máis poidan desfrutar dos servizos termais dos catro balnearios da provincia: Lugo, Pantón, Palas de Rei e Guitiriz. A iniciativa tamén permite que os participantes poidan acudir cun acompañante sen límite de idade.

Prazo de inscrición aberto ata esgotar prazas

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de xuño de 2025, ou ata que se esgoten as prazas dispoñibles. As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Deputación, descargando o formulario na súa web ou no BOP. As solicitudes tamén se poden entregar de forma presencial no Rexistro do Pazo de San Marcos.

0.15617084503174