Luis Iglesia Besteiro será homenaxeado na Semana de Cine de Lugo
A XLIII Semana de Cine de Lugo homenaxeará ao actor riotortense, Luis Iglesia Besteiro, xa que este ano o grupo Fotográfico Fonmiñá vai publicar un libro homenaxe a Luis Iglesia, obra de Manuel Curiel, director da Semana.
Así, o nome do homenaxeado figurará nunha placa no Paseo do Cine de Lugo sita no Parque de Frigsa, no que xa teñen placa Luis Tosar, Antonio Mourelos, Prudencia Griffell e Carmen Correa. Asimesmo neste paseo se incluirá unha placa que lembre a figura de Frank Braña, o actor que máis veces morreu no cine español, e que participou na homenaxe que se lle rendeu na Semana de Cine do ano 2007.
Habitualmente, en cada Semana de Cine vense honrando a destacados lucenses e galegos do cine, téndoo sido nos últimos anos Luis Tosar e Antonio Mourelos, e con anterioridade –entre outros- Rosario Durcal, Mercedes Cora, Manuel Lourenzo, Prudencia Grifell, Carmen Correa, Frank Braña ou Eduardo Fajardo.
A XLIII Semana de Cine de Lugo celebrarase na capital lucense do 20 ao 25 do próximo mes de setembro.