Luis Tosar recibe unha das Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes

O Consello de Ministros aprobou este martes, a proposta do ministro de Cultura, Ernest Urtasun, a concesión das Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes correspondentes ao ano 2025, un recoñecemento que nesta edición distinguirá a 35 personalidades e institucións destacadas do ámbito cultural.
No ámbito do cinema e do teatro recibiron a distinción o actor cospeités Luis Tosar, a actriz Emma Vilarasau, a directora e guionista Alauda Ruiz de Azúa e a familia de cómicos Pla-Solina. Tamén foron recoñecidas nas artes escénicas as xestoras culturais e coreógrafas Laura Kumin e Margaret Jova, xunto co coreógrafo Marcos Morau.
Luis Tosar foi recoñecido como un dos intérpretes máis sólidos e versátiles do cinema español. Ao longo da súa carreira, Tosar demostrou unha notable capacidade para transitar por xéneros como o drama, o thriller, a comedia ou o cinema de autor, construíndo unha filmografía marcada por personaxes intensos e complexos. O seu traballo foi recoñecido con numerosos premios, entre eles tres Goya: dous como Mellor Actor Protagonista polos seus papeis en Celda 211 (2010) e Te doy mis ojos (2004), e un como Mellor Actor de Reparto por Los lunes al sol (2003).
No eido da música foron premiadas a cantautora Christina Rosenvinge; o produtor e DJ Óscar Mulero; as cantantes Karina e María del Monte; a cantaora Estrella Morente; o grupo Los Chichos; a Fundación Vozes, polo seu labor músico-social; e o festival Primavera Sound.
A relación de galardoados inclúe igualmente figuras destacadas da literatura e da creación gráfica, como o escritor Manuel Vicent, a debuxante e ilustradora de banda deseñada Ana Miralles e a filóloga e escritora Irene Vallejo, así como a libraría Rafael Alberti. No ámbito das belas artes e do patrimonio cultural foron distinguidos o grafiteiro e artista multidisciplinar Suso 33, a arqueóloga Teresa Chapa, o antropólogo forense Francisco Etxeberría e o arquitecto e xestor cultural Juan Miguel Hernández León. Ademais, recibiron a Medalla de Ouro o mecenas Antonio Gallardo Ballart, a desenvolvedora de videoxogos Tatiana Delgado, o deseñador André Ricard, a entidade cultural comunitaria Ateneu Popular 9 Barris e os xestores culturais Daniel Giralt-Miracle, Miren Begoña Arzalluz, Manuel Jesús Borja-Villel e José Manuel Garrido.
A título póstumo, o Ministerio de Cultura recoñeceu a traxectoria da artista plástica Roberta Marrero, do xornalista e debuxante Andrés Vázquez de Sola, do xestor cultural José Luis Cienfuegos Marcello e da actriz Verónica Echegui.
A Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes distingue a aquelas persoas e entidades que sobresaíron pola súa contribución á creación artística e cultural, polo impulso e difusión da cultura ou pola conservación do patrimonio artístico.