Luis Zahera será o pregoeiro da Festa do Queixo San Simón da Costa
O Concello de Vilalba acollerá, un ano máis, a primeira fin de semana de abril unha nova edición da Feira do Queixo da San Simón da Costa, que leva aparellado un concurso de tapas cunha gran relevancia e onde o prato estrela é este lácteo de fama internacional.
Como en anos anteriores haberá dous días de feira, o 7 e o 8 de abril, e desenvolverase na praza da Constitución, onde se colocarán os stands de artesáns e produtos gastronómicos que todos os anos completan o panorama festivo.
O pregón deste ano estará a cargo do actor Luis Zahera, goya ao mellor actor de reparto 2019, que dará o pistoletazo de saída oficial ás 18.00 horas do sábado. Será tamén o momento no que se fará entrega dos premios do Concurso de tapas, que terá a súa final na mañá do día 6. Tamén se fará entrega aos gañadores do concruso de carteis.
Previamente, ás 13.00 horas, terá lugar a actuación de La Musgaña, na Alameda. Pola, tarde, ás 16.30 representarase a comida Saaabor! na praza da constitución, antes da entrega de premios da competición ciclista, que será ás 17.30 horas.
A progamación completarase o mesmo sábado coa actuación da Orquesta Mondragón no auditorio Carmen Estévez. As entradas para este concerto xa están á venda na Casa da Cultura e a través da web ataquilla.com.
O domingo estará dedicado con máis amplitude á cociña con dous showcooking, a primeira, ás 12.00 horas a cargo de Jacobo Santiero, do Mercado Streetfood de Lugo; e o segundo, de Marcos Morán, do restaurante Casa Gerardo, que conta cunha estrela Michelín.
Durante todo a mañá Airiños da Freba e Festicultores percorrerán as rúas de Vilalba animando a xornada coa súa música.
DATOS. A Denominación de Orixe Protexida volveu superar o ano 2018 o medio millón de queixos elaborados, producindo unha nova cifra histórica, 534.656 unidades, que lle permitiu á DOP unha facturación de 3,66 millóns de euros.
As unidades de queixos vendidas o ano pasado supuxeron un incremento do 3,62% respecto ao ano anteior, no que se certificaron 515.998 unidades.
Actualmente, a denominación conta con dez queixerías funcionando, as mesmas que o ano pasado, que significou un aumento tamén na produción en quilogramos, pasando de 480.680 a 503.698 kg do pasado exercicio.
No tocante á facturación, as dez produtoras (oito do Concello de Vilalba, unha de Abadín e outra de Castro de Rei) sumaron en total 3.666.924 euros fronte aos 3.499.344 do ano anterior.
Aumentou tamén o número de gandeirías implicadas na produción do queixo, pasando de 346 en 2017 a 350 no exericio pasado.