Luz verde á renovación do parque eólico Sotavento en Xermade e Monfero
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, vén de emitir unha declaración de impacto ambiental favorable para o proxecto de renovación do parque eólico Sotavento, situado nos municipios de Monfero e Xermade. O proxecto, considerado viable desde o punto de vista ambiental, busca modernizar esta infraestrutura en funcionamento desde o ano 2001.
Actualmente, o parque conta con 25 aeroxeradores, dos cales se desmantelarán 6 de menor potencia (3.440 kW en total) para ser substituídos por 2 novos aeroxeradores máis eficientes e de maior potencia unitaria, alcanzando un total de 8.400 kW. Estes novos equipos, ademais de contar con tecnoloxía máis avanzada, tamén terán unha maior altura.
Un dos puntos clave do proxecto é a súa atención ao impacto ambiental na Rede Natura 2000. Segundo o estudo presentado, os 3 aeroxeradores situados na zona de especial conservación das Fragas do Eume serán desmontados. Os novos equipos quedarán fóra desta área protexida, garantindo así un menor impacto sobre o ecosistema.
Con esta renovación, o parque contará cun total de 21 aeroxeradores e incrementará a súa potencia instalada ata os 22.620 kW. A execución do proxecto está prevista nun prazo estimado de seis meses e medio.
O parque eólico Sotavento, coñecido polo seu carácter experimental, continuará exercendo o seu labor como centro de divulgación e promoción das enerxías renovables, afianzándose como un referente no fomento da sustentabilidade en Galicia.