Luz verde da Xunta en Muras a unha planta de valorización de residuos plásticos

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a un proxecto para a valorización de residuos non perigosos (envases plásticos) no concello lucense de Muras.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.
Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera e da saúde pública; do solo e das augas; sobre a xestión de residuos ou en materia de uso eficiente da enerxía e da auga, entre outras cuestións.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e proximamente daráselle publicidade a través do DOG e da páxina web da Consellería.
A actividade, que se desenvolverá nas instalacións que o promotor xa ten en Muras, consistirá fundamentalmente na valorización de envases plásticos reutilizables danados e outros plásticos de similar composición mediante o seu lavado, triturado e inxección para a fabricación de novos produtos do mesmo material.
O promotor, Técnica de Envases Pesqueros SA, solicita a xestión de 510 toneladas anuais de residuos, que permitirán a fabricación dos produtos que comercializa a empresa distintos dos de uso alimentario, como caixas para botellas, macetas ou palés, entre outros. O plástico para reciclar será na súa maior parte polietileno de alta densidade e, en menor medida, polipropileno.
O fin último é realizar con residuos plásticos de terceiras empresas produtoras a mesma actividade que fai con pezas plásticas defectuosas que se xeran no seu proceso de produción. De feito, a operativa desenvolverase completamente (a excepción dunha zona de almacenamento inicial que se situará nunha zona exterior de escasa superficie) na planta xa existente, polo que o proxecto non supón a execución de ningunha obra, nin novas instalacións, nin modificación das actualmente existentes ou nova maquinaria.