O I Trail das Bestas de Muras agarda a participación de máis de 150 participantes
O Concello de Muras impulsa o primeiro Trail das Bestas que se desenvolverá o domingo 5 de novembro.
O alcalde, Manuel Requeijo, explicaba durante a súa presentación que esta iniciativa pretende "poñer en valor o concello de Muras e a Serra do Xistral porque entendemos que ten moita potencialidade e, concretamente, para este tipo de actividades vencelladas ao trail".
Do mesmo xeito, o tenente de alcalde, Mario Rouco, asegura que será un "bonito evento que facía falta en Muras dende fai moito tempo" porque "somos un recuncho do rural impresionante". Con esta proposta foméntase o concello para "a práctica deportiva das novas modalidades en auxe".
O Goberno da Deputación achega 5.000 euros para a organización desta proba contribuíndo así á promoción do deporte lucense e dando a coñecer diferentes zonas da provincia. O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, remarcaba durante a súa presentación que “a primeira edición desta proba é unha oportunidade excepcional para dar a coñecer lugares únicos como a Serra do Xistral".
Percorrido, premios e inscricións
O I Trail das Bestas de Muras arranca o vindeiro 5 de novembro ás nove e media da mañá dende a Área Recreativa da Veiga. As categorías serán: sénior masculino ou feminino -dende os 18 ata os 45 anos- e veterano ou veterana -a partir dos 46 anos tendo en conta a idade que terá o corredor ou corredora a final do ano-. Haberá trofeos para os tres primeiros de ambas categorías que serán entregados despois das dúas do mediodía.
O percorrido será circular con saída e meta nesta mesma área despois de percorrer un circuíto marcado con cinta de balizamento e con sinais de dirección nos cruces a carón da localidade de Muras chegando á Serra do Xistral no seu punto máis lonxano. “Será un percorrido variado; xa que haberá zona de pistas, sendeiros e pastizais de campo a través. Ademais é un percorrido dinámico. Por iso cremos que lles vai gustar aos participantes”, segundo indicaban Jose Balseiro e Pablo López, do club Galiorent.
Segundo a previsión da organización, o primeiro corredor do percorrido longo estará de volta en dúas horas e media, mentres que o do percorrido curto, en hora e media.
Son xa preto dun centenar as persoas inscritas de toda Galicia, pero a organización agarda superar as 150 persoas participantes. De feito, as inscricións aínda están abertas a través da páxina https://tracktherace.com/ e o prezo será de 18 euros para o percorrido 25,6 km -con 1.200 metros de desnivel positivo- ata o 30 de outubro de 2017 ou 22, dende o 31 de outubro ata o 2 de novembro ás dez da noite. E para o percorrido de 16 km -con 750 metros de desnivel positivo- serán 15 euros na primeira data e 18 na segunda.
A inscrición inclúe; seguro asistencia sanitaria e R.C., avituallamentos -dous sólidos e un líquido no percorrido longo e un de cada no curto-, camisola oficial da proba, comida final, reportaxe fotográfico en aberto, seguemento gps Track The Race e duchas.
Tamén haberá servizo de conciliación coa instalación dun punto de atención aos máis pequenos e pequenas que durante a proba poderán realizar diversas actividades.
Degustación
O rexedor local recordaba tamén que, ao final da proba, os bares Santi e A Volta ofrecerán unha degustación de callos elaborados con carne do municipio.