Máis de 200 persoas participan o sábado en Xermade na súa carreira popular anual
Este sábado 21 de outubro terá lugar a XII Carreira Popular organizada polo Concello de Xermade a partir das 17.00 horas, con saída da praza do Concello e discorrerá por un circuíto de 3.250 metros e na que participarán unhas 212 persoas de todas as idades.
A proba estará aberta a todos os atletas, federados ou non, sen distinción de sexo ou nacionalidade.
O novo circuíto constará de 6,5 quilómetros e será sobre asfalto. Haberá diferentes categorías atendendo á idade. Comezarán ás 17.00 cos máis pequenos, os pitufos, cun percorrido de 150 metros ata a xuvenil, que ten hora de saída ás 17.45 e percorrerán 6,5 quilómetros como os adultos, que iniciarán a carreira á vez.
Entre ambas categorías haberá catro categorías máis con diferentes percorridos.
Todos os participantes recibirán un agasallo conmemorativo. Na categoría de Pitufos e Promoción haberá medallas para todos os participantes. Non haberá trofeos para estas categorías nin se farán clasificacións.
Nas categorías dende Sub-10 ata Máster C: trofeo para os tres primeiros de cada categoría e sexo. Tamén haberá premio para os tres primeiros clasificados da xeral e ao primeiro home e muller de Xermade.
A entrega de premios será na Praza do Concello de Xermade e comezará, aproximadamente, ás 18.50h.
Os participantes contarán con aparcadoiro gratuíto, camiseta para a de adultos, baños na zona de saída-chegada, recollida de dorsais e imperdíbeis, vestiarios e duchas no pavillón municipal, roupeiro custodiado por voluntarios da organización, avituallamento ao final de cada carreira, avituallamento ao final da carreira de adultos e ambulancia con médico.
Ademais, haberá inchables para os nenos e nenas participantes na carreira.