Máis de 23.500 euros para o financiamento de programas de conciliación dos Concellos de Guitiriz, Xermade e Outeiro de Rei
A Secretaría Xeral da Igualdade financia con 57.300 euros os programas de conciliación da vida persoal, laboral e familiar que poñen en marcha nove concellos da provincia de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a loita contra calquera forma de discriminación das mulleres é “unha das prioridades de investimento do Goberno galego” e explicou que son necesarios recursos de conciliación da vida laboral e privada e tamén fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes para facilitar “o acceso ao emprego e a promoción profesional en condicións de igualdade”.
Balseiro engadiu que a Secretaría Xeral da Igualdade, que depende da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, colabora estreitamente cos concellos para poñer a disposición da cidadanía servizos de proximidade que posibiliten medidas de conciliación.
Así, a través desta orde de axudas sufragáronse actividades de verán para nenos e nenas nos concellos de Mondoñedo, Ourol, Palas de Rei ou Taboada. Igualmente, fináncianse programas de conciliación en Guitiriz, Alfoz, Outeiro de Rei, Xermade e Xove.
A Xunta estableceu anticipos de ata o 75 % das subvencións concedidas para que os concellos puideran organizar e desenvolver as actividades sen que supuxeran un esforzo extraordinario para a arcas locais.
Esta liña de axudas forma parte dun paquete de medidas de promoción da igualdade que inclúe tamén o financiamento de programas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, e o apoio aos centros de información ás mulleres (CIM), dotado en conxunto cun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros.
Ao respecto, cabe lembrar que na provincia de Lugo a Xunta destinou preto de 486.000 euros ao financiamento de once CIM que dan cobertura a 35 municipios.
- Guitiriz concilia: 7.976,90 euros de gasto elixible. Concedidos: 6.291,60 euros.
- Concello de Outeiro de Rei: Programa municipal de conciliación familiar e apoio á educación: 39.446,91 euros de gasto elixible. Concedidos: 12.000 euros.
- Xermade concilia: 5.894,81 euros de gasto elixible. Concedidos: 5.305,33 euros.