Máis de 3.000 persoas participarán no Encontro Internacional de Torneiros de madeira en Xermade
Xermade volve converterse nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego entre o 22 e o 24 de setembro coa celebración do XVII Encontro Internacional de Torneiros da madeira que contará coa presenza de catro espertos e profesionais da artesanía: a inglesa, Margaret Garrard; o suízo, Jérôme Blanc; o vigués, Adrián Pena; e o veciño das Pontes, Lolo Castro.
Estes mestres da tornaría realizarán demostracións en vivo e compartirán as súas técnicas cos asistentes. Ademais, haberá postos de venda de maquinaria, ferramentas artesanais, publicacións e camisetas conmemorativas, así como exposicións de pezas torneadas en anteriores edicións. As pezas máis estéticas e mellor elaboradas desta edición, serán seleccionadas para a exposición itinerante CONtornos 2016-17.
A Biblioteca de Xermade acollía a presentación dos Encontros na que participaba o alcalde da localidade, Roberto García Pernas; a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez; a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro; o deputado provincial de Turismo Eduardo Vidal Baamonde e o torneiro Alfonso Franco.
A iniciativa -organizada polo Concello de Xermade que achega 2.000 euros e cede o espazo para a realización do encontro- conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria que permite "poñer en valor o oficio do torneado de madeira". Tamén colabora o Executivo Provincial coa súa celebración cunha achega económica de 3.000 euros.
Vidal Baamonde subliñou que “é un pracer colaborar un ano máis co Concello de Xermade e cos mestres torneiros que participan nesta xuntanza, consolidada no tempo, na difusión e promoción dos oficios tradicionais que caracterizan a nosa cultura. Temos que promover estes distintivos para que máis xente descubra a riqueza da nosa provincia. Esta é, precisamente, unha das liñas de actuación do Plan Estratéxico de Turismo, no que se enmarca a achega económica que dende o Goberno da Deputación facemos ao encontro, na posta en valor das tradicións deste municipio, promovéndoo e contribuíndo a súa dinamización social e económica, pois durante as tres xornadas que dura o evento, reuniranse en Xermade máis de 3.000 persoas”.
Encontros Internacionais de Torneiros
Os Encontros Internacionais de Torneiros naceron en 2001 na Aldea Artesán de A Fraga, no Concello de Xermade, coa intención de recuperar do esquecemento un oficio tradicional en Galicia, documentando as ferramentas, maquinaria, materias e técnicas de traballo, para logo dalas a coñecer ao maior número de persoas. Unha das finalidades didácticas que persegue este evento é divulgar os valores do oficio, algo que está a ter resultados satisfactorios, pois o público asistente, ten cada vez mais argumentos para diferenciar artesanía e industria. Durante os 3 días que dura o encontro, reúnense profesionais e afeccionados para compartir experiencias e coñecementos, ao tempo que se achega ao público en xeral o mundo da tornaría.
Programación de actividades
Venres, 22 de setembro: (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
- Ás 10:30 horas: Inauguración oficial no Polideportivo municipal.
- De 10:30 a 19:00 horas: Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes. CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada 2016-17.
- De 11:00 a 19:30 horas: Demostracións para inscritos, Margaret Garrard, jérôme Blanc e Adrián Pena.
Sábado, 23 de de setembro: (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
- De 10:30 a 14:00 horas: Demostracións para inscritos, Margaret Garrard, jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
- De 10:30 a 19:30 horas: Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes. CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada 2016-17.
- De 16:00 a 18:00 horas: Demostracións para o público por parte de Margaret Garrard, jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
- De 16:00 a 19:30 horas: Espazo de iniciación o torneado supervisado por monitores.
- De 18:00 a 19:30 horas: Escolma das pezas para a exposición itinerante CONtornos 2017-18.
Domingo, 24 de setembro: (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
- De 10:30 a 14:00 horas: Demostracións para o público por parte de Margaret Garrard, jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
- De 10:30 a 14:00 horas: Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes. CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada 2016-17.
- De 10:30 a 14:00 horas: Presentación da exposición itinerante CONtornos 2017-18.
- Ás 13:00 horas: Clausura do XVII Encontro de Torneiros da madeira de Xermade.