Máis de 30 establecementos participarán en outubro no concurso de tapas das Pontes
Trinta e tres serán os establecementos hostaleiros que participen na décima edición do concurso de tapas, Saborea As Pontes, organizado polo Concello das Pontes, a través da Concellería da Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego e o IPPEC.
Ana Pena, edil responsable da área, remarca que “o concurso de tapas das Pontes é unha cita consolidada no calendario, ano tras ano gaña en participación, tanto de público como de locais, alcanzando este ano a súa cifra récord. O respaldo e a implicación dos hostaleiros anímanos a seguir coa mesma liña de traballo, impulsando, dinamizando e apoiando a un sector clave na economía local que mantén centos de postos de traballo”.
Esta nova edición desenvolverase entre o 12 e o 21 de outubro. As tapas serviranse, de luns a venres, de 19:30 a 23:00 horas e, durante o fin de semana, o horario ampliarase para ofrecer tamén as tapas en horario matutino, de 12:00 a 15:00 horas. O prezo das tapas será de 1,50 euros.
Ó igual que na edición anterior, Saborea As Pontes repartirá dous premios entre todas as tapas do concurso. Un xurado profesional, conformado por tres mestres da Escola de Hostalaría de Pontedeume, elixirá a mellora tapa pontesa mentres que o xurado popular, a través do seu voto, escollerá a tapa pontesa máis valorada polo público.
Ademais, repartiranse 9 premios, de 200 euros cada un, entre todas aquelas persoas que cubran os boletos do concurso de tapas con oito selos de diferentes locais. Seis premios serán para gastar nos locais de hostalaría que participen no concurso e os tres restantes poderán trocarse en calquera establecemento do comercio e hostalaría local. O 25 de outubro coñecerase o nome de todos os gañadores.
Desde o Concello das Pontes, Ana Pena invita ós veciños e visitantes a participar nesta nova edición do concurso de tapas para “gozar da gastronomía local e do bo facer dos nosos hostaleiros” ós cales agradeceu a súa participación, “facendo, un ano máis, que Saborea As Pontes sexa un éxito “