Máis de 300 asociacións recibirán axudas para a realización de actividades culturais
A Xunta de Goberno da Deputación, aprobou a concesión de 332 axudas para asociacións culturais para a realización de actividades de interese cultural durante a anualidade 2019. Trátase de subvencións de concorrencia competitiva que benefician ao tecido asociativo de 54 concellos da Provincia.
O programa esta dotado cun orzamento de 280.000 euros, que se divide entre as asociación baseándose en criterios como o grao de consolidación das actividades e o seu interese, pero tamén baremos sociais como o fomento da igualdade, a inclusión de persoas con capacidades diferentes ou o grao de dispersión territorial. As entidades reciben axudas que van desde os 400 ata os 1.300 euros.
Trátase dunha das liñas máis importantes para a dinamización do tecido cultural, pois entre as actividades subvencionadas atópanse festas populares, como o entroido, magostos e feiras; viaxes culturais, publicacións de libros e revistas; concertos, teatro, clases de música e manualidades, ou festivais con gran implantación na Provincia como son o Festival da Chaira ou o Festival de Pardiñas.