Máis de 300 persoas cítanse esta fin de semana na Copa Deputación de volei nas Pontes
O Concello das Pontes acolleu a presentación da Copa Deputación da Coruña de volei praia de categorías inferiores, que terá lugar os vindeiros días 17 e 18 de agosto no campo de area do lago das Pontes. Elena López, concelleira de deportes, dáballe a benvida a José Ramón Baña, secretario da Federación Galega de Voleibol, e agradecíalle que un ano máis contaran coas instalacións do lago das Pontes para a organización deste campionato, amosando así as posibilidades que ofrece o entorno para a celebración de diferentes eventos, tanto deportivos como de ocio e lecer, tralo campionato de rugbi praia ou os actos de conmemoración do aniversario do lago.
Pola súa banda, José Ramón Baña quixo tamén amosar o seu agradecemento no nome da Federación Galega de Voleibol pola boa predisposición do Concello das Pontes, que trala celebración de torneos internacionais e campionatos de seleccións autonómicas en anos anteriores, volve acoller unha nova proba deportiva de volei praia. Nesta ocasión será a Copa da Deputación da Coruña de categorías inferiores, onde competirán xogadores e xogadoras alevíns, infantís, cadetes e sub-19, con participantes que van dende os 12 ata os 18 anos.
Nesta ocasión son máis 140 parellas inscritas, o que supón a presenza de máis de 300 persoas no Concello das Pontes durante toda a fin de semana, entre participantes, adestradores e familiares. Así, o sábado 17 dará comezo a competición ás 9.30 horas coas categorías infantil e sub-19, con previsión de rematar arredor das 19.30 horas da tarde.
Xa o domingo 18 será a quenda das categorías alevín e cadete, que comezarán tamén as 9.30 horas; rematando a competición ás 19.30 horas coa entrega de trofeos. Elena López quixo aproveitar a ocasión para convidar a toda a veciñanza das Pontes a achegarse ata o lago das Pontes esta fin de semana e poder gozar do espectáculo do volei praia.