Máis de 40.000 visitantes se achegaron a Viveiro durante esta Semana Santa

TerraChaXa | AMariñaXa
Tras a finalización da Semana Santa, dende o Concello de Viveiro fan un moi satisfactorio balance destes días de vacacións e visitantes para a vila.
23 Abr 2019

Tras a finalización da Semana Santa, dende o Concello de Viveiro fan un moi satisfactorio balance destes días de vacacións e visitantes para a vila.

O tempo foi propicio durante a maior parte da semana e practicamente todas as procesións e actos luciron no seu máximo esplendor, con excepción do Vía Crucis dos Homes, a Procesión da Misericordia e o Encontro, que non puideron saír por mor da choiva.

Entre todos os actos, dous tiveron este ano un significado especial: por un lado, a tamborrada, na que participaron dez membros de Aspanane grazas a unha iniciativa que supón un gran paso para a integración das persoas con discapacidade intelectual na sociedade, e polo outro, a Procesión da Pasión, na que se conmemorou o 75 aniversario da Cofradía da Piedad, cunha procesión na que participaron 8 pasos e máis de 1.500 persoas, convertíndose nunha das máis emotivas.

Un ano máis, cada unha das cofradías traballaron arreo para que cada unha das procesións e actos que conforman a nosa Semana Santa saíran á rúa amosando a súa grandiosidade e permitindo a veciños e visitantes disfrutar duns pasos que destacan pola riqueza patrimonial da súa imaxinería e a súa antigüidade.

Estímase que máis de 40.000 visitantes se achegaron a Viveiro para disfrutar destas datas. Cabe destacar que a ocupación hoteleira no municipio acadou o 100 %, resultando tamén un balance altamente positivo por parte do sector hostaleiro (bares, restaurantes, etc.) e do comercio en xeral, nos que o gran número de visitantes repercutiu favorablemente. O número de persoas que se achegaron á oficina de turismo para solicitar información tamén se incrementou con respecto ao pasado, rexistrándose máis de 5.000 visitas; neste sentido cómpre indicar que houbo visitantes das dezasete comunidades autónomas e de dez países diferentes, destacando os turistas vidos de Francia. Cabe sinalar, finalmente, que o Xoves Santo a oficina de turismo, en colaboración coa Xunta de Cofradías, ofreceu unha degustación gratuíta de pan dos apóstoles, que resultou todo un éxito esgotándose todas as existencias.

Dende a alcaldía queren agredecer publicamente a todos aqueles que fixeron que a Semana Santa de Viveiro fose un gran éxito, confirmando a tendencia dos últimos anos nos que veñen superándose as mellores expectativas e aumentando o número de visitantes. "Neste sentido quero salientar a labor da Xunta de Cofradías  que conforman as oito Cofradías que forman a Semana Santa de Viveiro que, xunto co Concello de Viveiro, de forma conxunta e coordinada, leva anos traballando para potenciar e promocionar esta celebración, xusta merecedora da súa distinción como Festa de Interese Internacional e consolidada como un dos eventos máis importantes de Viveiro. Tamén quero facer unha mención especial a todo o persoal do Concello de Viveiro, ao Servizo Municipal de Limpeza e ás forzas e corpos de seguridade polo seu extraordinario traballo, velando en todo momento pola normalidade e seguridade da celebración. E por último, neste agradecemento quero citar, de maneira especial, a todos os veciños e veciñas de Viveiro pola súa implicación e por ser, sen dúbida, parte do éxito da nosa Semana Grande, agradecendo a súa comprensión polos cortes de tráfico e demais medidas adoptadas por seguridade alterando a súa normalidade. A todos a nosa máis sinceira gratitude" di María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

0.19053101539612