Máis de 6.000 espectadores participaron nas actividades culturais do Concello das Pontes

TerraChaXa
11 Maio 2018

As actividades culturais programadas polo Concello das Pontes, durante o ano 2017, congregaron a máis de 6.000 espectadores. O concello das Pontes, a través da Concellería de Cultura, organizou un total de 34 actividades no auditorio municipal Cine Alovi e, entre todas as actividades programadas, o espectáculo circense Galtuk foi a que atraeu a maior número de espectadores que encheron, ata en cinco ocasións, o aforo do recinto municipal, cunha capacidade máxima de 400 espectadores.

Os espectáculos de teatro e música tamén tiveron un importante poder de convocatoria. Máis de 2.300 espectadores asistiron ás 23 actividades programadas, entre as que destacaron o concerto de Rozalen, da actuación do grupo de música tradicional, Milladorio e a obra teatral 100% Burbujas.

Máis de 800 espectadores asistiron á proxección dos 10 títulos cinematográficos que se exhibiron durante o ano 2017 no auditorio municipal, e entre todos eles destacaron, por afluencia, os filmes de animación e familiares con títulos como Inside Out e Zootropolis que lograron reunir a 400 espectadores de forma conxunta.

A concelleria de Cultura, Sonia Suerio, amósase moi satisfeita con datos e remarca que estas cifras están en sintonía coa aposta do goberno local coa cultural. “O noso compromiso é ofrecerlles ós veciños unha programación variada, axustada a todos os gustos e idades, de calidade e a un prezo alcanzable que garanta o acceso de todos os ponteses á cultura e, os datos amosan que vamos na dirección correcta”.

Cine de estrea, concertos de bandas lendarias, exposicións fotográficas e de pintura, de artistas locais e de autores de sona recoñecida, contacontos, exhibicións de bailes de salón, representacións teatrais e de ópera son algunhas das actividades que conforman a oferta cultural deseñada polo Concello das Pontes para o ano 2018 e coas que o departamento de cultura, en palabras de Sueiro “busca achegar ós veciños a espectáculos que ata agora estaban reservados ás grandes cidades e contribuír, deste xeito, o seu crecemento persoal e amosando a aposta do goberno local pola cultura e polo pobo”.

A programación semanal pode consultarse na axenda da página web municipal, así como nos diferentes perfís que o Concello das Pontes ten nas redes sociais. As entradas poden mercarse nas taquillas e tamén a través Ticketea, unha nova opción, moi demandada polos veciños, que amosa o compromiso das Pontes coa cultura e as novas tecnoloxías, na súa vocación de ofrecer a todos os ponteses acceso á cultura.

0.17728900909424