Máis de 6.000 persoas participaron no FIV desta fin de semana

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Cultura de Vilalba, Mónica González, participaron na rolda de valoración da décimo oitava edición do FIV celebrada esta pasada fin de semana na capital chairega.
O balance xeral do Concello de Vilalba é “positivo”, apoiándose para iso nos datos facilitados pola produtora do evento, i-Radia Crea, a cal cuantificou en máis de 6.000 persoas o nivel de asistencia das actividades celebradas ao longo do pasado venres 25 e o sábado 26 de abril en Vilalba.
Unha asistencia que se concentrou maioritariamente na xornada do sábado, na que o ambiente do FIV comezou a notarse dende primeira hora da mañá na Praza da Constitución, onde se celebraron as actividades con acceso libre do festival e os establecementos da contorna se encheron de ambiente.
“A xente cada vez se implica máis e concertos tan esperados como o da banda de música de Vilalba, que cada ano nos sorprende máis, foron un cheo absoluto” afirmou a concelleira de Cultura, Mónica González, quen valorou positivamente “a aposta polo espazo da Praza da Constitución para as actividades de acceso gratuíto, que funcionaron moi ben e fixeron que o centro da vila estivera moi animado durante a xornada do sábado”.
Nesa liña, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou "o beneficio económico que supón a celebración do FIV para o noso comercio local e hostalería, que durante a fin de semana incrementou notablemente a afluencia de clientes debido á chegada de visitantes e á confianza dos veciños e veciñas no noso festival; o FIV fixo vibrar Vilalba e a todo o tecido comercial do municipio, manténdose vivo e implicado co festival".
Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Vilalba, Mónica González, fixo fincapé na importancia de “manter a calidade e a consolidación dun festival como o FIV que nesta edición cumpriu 18 anos, con todo o que iso implica”. “Seguiremos traballando, como xa estamos facendo coa vindeira edición, por manternos como referentes e seguir o noso camiño diferencial nun momento no que hai moitos festivais na contorna e outros novos que emerxen continuamente”.
A rexedora vilalbesa, Marta Rouco tamén subliñou "a importancia de seguir potenciando Vilalba como un municipio cunha constante proposta social e cultural que atrae a milleiros de persoas ata a nosa vila".
Finalmente, Rouco puxo en valor "o civismo e o comportamento exemplar dos asistentes ao FIV". "As forzas de seguridade non recibiron ningún tipo de aviso durante os dous días, o que confirma o bo ambiente que se crea no FIV e a experiencia única da que falabamos xa antes da súa celebración", concluíu a alcaldesa de Vilalba.
Na presentación do balance do festival estivo presente tamén a deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, que lembrou que a institución provincial colaborou cunha achega de 50.000 euros, reafirmando o seu apoio a un evento do que sinalou “que demostra que é xa un festival consolidado, referente cultural na provincia e un motor económico para toda a comarca da Terra Chá e para o conxunto da provincia. Falamos dun evento que dinamiza a economía local, atrae turismo e proxecta a imaxe de Vilalba e da provincia cara ao exterior”, afirmou.
Agradeceu tamén o traballo do Concello de Vilalba, así como o esforzo da organización e de todas as persoas que fixeron posible o evento. Desde a institución provincial “seguiremos apoiando o FIV como unha cita estratéxica para a cultura, o turismo e para o desenvolvemento sostible da Terra Chá”.
Tamén estivo o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que destacou o seu papel para activar a economía local e para dinamizar a oferta turística e cultural da Terra Cha. O delegado territorial felicitou aos organizadores do FIV 2025 polo “rotundo éxito de público” acadado novamente na edición deste ano e puxo en valor o apoio da Xunta ao evento, “que supón un importante impulso para o sector hosteleiro e o comercio local, diversifica a oferta lúdica e cultural e actúa como un polo de atracción para turistas e visitantes”.
O FIV conta co apoio da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. O Goberno galego cede ademais as instalacións do CEIP Ínsua Bermúdez para unha das zonas de acampada e promove a inclusión de bandas galegas no cartel, “con ánimo de darlle visibilidade ao enorme talento que temos na comunidade en citas estratéxicas como é este festival”.