Máis de 600 atletas participan este domingo nas Pontes na Northwest Triman

TerraChaXa
O Lago das Pontes acollerá este domingo, 27 de xuño, a sétima edición do Northwest Triman, proba marcada, este ano, polos protocolos covid.
Northwest Triman presentacipon
25 Xuño 2021

O Lago das Pontes acollerá este domingo, 27 de xuño, a sétima edición do Northwest Triman, proba marcada, este ano, polos protocolos covid e na que participarán 640  atletas procedentes de todas as Comunidades Autónomas e doutros países.

Esta mañá, Elena López, concelleira de Turismo, participou, xunto con membros da organización e patrocinadores, na presentación do único triatlon, distancia ironman, que se disputa en Galicia e que, ao igual que nas edicións anteriores, contará unha proba de media distancia.

Elena Lopez, amosou a satisfacción que para o Concello das Pontes supón contar con esta proba, agradecendo “á organización do evento o esforzo que supón adaptar unha proba desta magnitude a todo o protocolo covid, esencial para garantir a seguridade dos e das atletas e do público, facendo que poidan gozala prácticamente igual que nos anos anteriores, axustándose ás medidas sanitarias vixentes”.

A edil tamén puxo en valor o traballo levado a cabo pola organización durante todo o ano “para lograr que a proba siga sendo unha cita ineludible para centos de deportistas e amantes do triatlón e que, desde o punto de vista turístico, ofrece unha oportunidade máis de desenvolvemento económico para o concello das Pontes e ao mesmo nos posiciona no mapa do turismo deportivo”

Elena López tamén deu as grazas aos patrocinadores e a aos voluntarios e voluntarias que, de xeito desinteresado, fan posible que esta cita deportiva traspase as fronteiras. Tamén quixo agradecer á veciñanza a súa colaboración e comprensión para lograr que esta proba sexa, ano tras ano, un éxito.

Na presentación tamén estivo presente Ricardo Rey, membro da organización, quen agradeceu a implicación do Concello e dos patrocinadores, “esencial nun ano como este no que a xente leva desde o ano 2019 inscrita. É unha proba moi esperada aínda que este ano será diferente, cuns protocolos, aceptados pola Xunta de Galicia e a Federación Nacional de Triatlón, moi esixentes para garantir a distancia social entre deportistas e evitar gromos na vila”

Así, este ano a saída da proba non será multitudinaria, saíndo os/as deportistas de dous en dous, cada cinco segundos. O circuíto de bicicleta será o mesmo de sempre, asegurando unha distancia de entre 10 e 12 metros entre participantes mentres que a carreira a pé realizarase no lago para, deste xeito, no introducirse na vila e minimizar os riscos.

Nesta presentación tamén estiveron presentes Juan Barreira, director de Zona de Abanca; Alejandro Pérez, director postventa de Audi Arrojo, e Antonio Cortés en nome de Gadisa; patrocinadores desta proba deportiva que destacaron o traballo da organización dunha proba que xa é referente en España.

Así mesmo agradeceron o seu esforzo para continuar coa proba a pesar das dificultades que impón a situación sanitaria, amosando o seu compromiso co deporte de primeiro nivel pero tamén coa saúde.

Tamén asistiu a esta presentación Amando Guerrero, representante da Federación Galega de Tríatlon, que amosou a súa satisfacción polo éxito da proba e o seu significado na consolidación no mundo do tríatlon, agradecendo o Concello de As Pontes a súa implicación coa proba.

cartel2021northwest triman
cambios circulacion northwest triman
0.18841099739075