Máis de medio cento de atletas participarán no Memorial de Atletismo Eduardo Fernández Villamarín

O Concello de Rábade organiza este sábado, 24 de xaneiro, o XXIII Memorial de atletismo Eduardo Fernández Villamarín, ‘Negrín’, con saída pola tarde da Praza de España e recollida de dorsais no mesmo lugar e que conta con máis de medio cento de inscritos.
Eduardo Fernández Villamarín, Negrín, foi un dos fundadores da Sociedade Atlética Rabadense e gran impulsor do deporte na vila e na provincia, e con cuxo nome foi bautizado o pavillón municipal.
Ás 16:30 horas farase a saída dos primeiros rapaces, que estarán divididos en varias categorías, e ás 17:00 horas dará comezo a carreira absoluta que percorrerá 6,8 km e discorrerá dando dúas voltas a un circuíto urbano. A clasificación será absoluta masculina, absoluta feminina e por categorías.
A recollida de dorsais farase a partir das 15:30 horas.
Os tres primeiros clasificados de cada categoría terán premio e ademais, haberá un trofeo, denominado tamén Eduardo Fernández Villamarín, que se entregará ao equipo que conte con máis participantes que rematen a carreira, así como distincións para o primeiro e primeira corredores rabadenses clasificados na proba absoluta.
Os pequenos recibirán de premio vales de 50 euros para a compra de material deportivo e os adultos premios que oscilan entre os 350 euros para o primeiro e 150 do terceiro, tanto na categoría masculina como feminina.
Ademais, os primeiros participantes da proba absoluta que crucen en primeira posición o sprint intermedio situado ao final da primeira volta e rematen entre os 20 primeiros da clasificación xeral agasallaráselles cun dorsal para a Behobia – San Sebastián, por cortesía de Viajes Almar – JAVO.
Haberá un agasallo para todos e todas as participantes de todas as probas. A entrega de premios e trofeos farase ao remate da carreira.