Máis de setenta veciños mobilizáronse en Abadín contra dous proxectos de macroplantas de biometano

A primeira convocatoria da plataforma Stopbiogás Abadín reuniu a máis de setenta persoas nesta localidade chairega para deixar claro que "o proxecto industrial previsto para o municipio non contempla unha única instalación, senón dúas macroplantas de biometano".
A charla informativa que se ofreceu contou co asesoramento técnico de Xoán Castro, do CIAM, e Andrés Castro, do SLG Terra Chá. Durante a sesión fíxose pública a información solicitada á Consellería de Medio Ambiente, segundo a cal están proxectadas dúas plantas industriais. O dato causou sorpresa entre asistentes procedentes de parroquias como Quende, Moncelos, Gontán, Fanoi, Labrada e tamén do concello veciño de Pastoriza.
Segundo se explicou no encontro, "mentres os discursos oficiais falan de economía circular e sustentabilidade, a realidade técnica describe un sistema industrial destinado a procesar xurros e lodos, refugallos cárnicos, restos farmacéuticos e outros residuos de elevada complexidade", dixeron os expertos, que advertiron tamén de que instalacións semellantes xa están a provocar problemas ambientais e sociais noutras zonas do Estado.
Un dos momentos máis significativos da xornada produciuse mediante videoconferencia coa intervención de José Hernández Pedrero, voceiro da plataforma veciñal de Las Torres de Cotillas, en Murcia. O representante murciano relatou a experiencia da súa localidade, onde lograron a celebración dun referendo no que o 97% dos votos se posicionaron en contra dunha macroplanta. “O pobo ten voz”, afirmou, aínda que tamén advertiu das consecuencias persoais que pode ter a oposición a este tipo de proxectos. Segundo explicou, o alcalde da súa localidade solicita sete anos de cárcere para el e outro compañeiro pola súa actuación na mobilización. O seu chamamento aos veciños de Abadín foi directo: “Valor fronte á imposición unilateral e unidade para defender a terra”.
Desde Stopbiogás Abadín insisten en que a mobilización non responde a siglas políticas. “Non se trata de cores, senón de cheiros”, sinalaron, defendendo que o problema afecta por igual a toda a poboación. A plataforma alerta dunha ameaza directa aos mananciais e á calidade do aire, do risco para o gando e para a reputación dos produtos locais, así como da posible caída do valor das vivendas e da perda de calidade de vida. “Votemos a quen votemos, vainos afectar a todos por igual”, subliñaron.
A organización lembra que a presión veciñal xa foi determinante noutras ocasións no municipio, como no impulso do centro para maiores, e anunciou o inicio dunha campaña de recollida de sinaturas. Ademais, prevé continuar con novas charlas informativas, mesas de diálogo e accións públicas co obxectivo de que a administración escoite a posición das parroquias afectadas.
A plataforma deixa clara a súa postura: "Abadín non quere converterse nun punto de tratamento de residuos farmacéuticos e cárnicos de gran escala. A mobilización apenas comeza, pero a veciñanza xa deu o primeiro paso nun debate que promete marcar a axenda local nos vindeiros meses".