Máis do 80% dos concellos están adheridos ao convenio de protección das aldeas

TerraChaXa
Máis do 80% dos concellos galegos están xa adheridos ao convenio de protección das aldeas subscrito entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a empresa pública Seaga e a Xunta para a posta en marcha dun sistema público de xestión da biomasa preto das vivendas.
2 Dec 2019

Máis do 80% dos concellos galegos están xa adheridos ao convenio de protección das aldeas subscrito entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a empresa pública Seaga e a Xunta para a posta en marcha dun sistema público de xestión da biomasa preto das vivendas.

En total son 252 os entes locais incorporados ao acordo e outros tres están ultimando os trámites para adherirse (trátase dos de Laxe, Foz e Muxía).

Así, sinatura a segunda addenda de colaboración entre o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, co director-xerente de Seaga, Pablo Arbones e co conselleiro do Medio Rural.

Esta addenda dá continuidade e mellora o acordo rubricado en agosto de 2018 e renovado a través dunha addenda en abril de 2019, un acordo orzamentado en preto de 36,7 millóns de euros, dos cales a Xunta aporta arredor de 28 millóns. Así, este documento contempla como novidade o desenvolvemento dunha ferramenta móbil (APP) que facilitará a consulta da base de datos para o apoio ás tarefas a realizar sobre o terreo, no relativo ao control das actuacións en campo que contempla o convenio. Este instrumento vén complementar o sistema informático Xesbío e ten por finalidade axilizar os procesos de rexistro da información asociada aos labores in itinere.

Outra mellora introducida é a posibilidade de que os concellos adheridos poidan, con cargo ao convenio, realizar execucións subsidiarias para a xestión da biomasa en ata 5 hectáreas. Isto beneficiará aos municipios sumados ao sistema e que non contan con parroquias priorizadas.

Así mesmo, introdúcese tamén a figura das iniciativas estratéxicas que serán aqueles proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que, aínda que non cumpren os requisitos esixidos para converterse nunha aldea modelo por razóns que teñen que ver con elementos xeográficos, físicos ou técnicos, considérase de especial transcendencia a súa mobilización, co obxectivo prioritario de reducir o risco de incendios forestais. Por último, esta segunda addenda incorpora unha cláusula en materia de protección de datos co obxecto de garantir a confidencialidade no tratamento da información catastral.

0.14088201522827