Máis dun centenar de persoas participan no Congreso Galego de Xestión Enerxética promovido polo Goberno da Deputación
O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, inauguraron este mércores a IV edición do Congreso Galego de Xestión Enerxética XENERGAL 2017, que o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais (ICOIIG) organiza durante a xornada de hoxe e o día de mañá no salón de actos do Pazo de San Marcos, coa colaboración do Executivo Provincial. Na inauguración tamén participaron o Decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e o Director do Congreso, Fernando Branco.
No congreso participarán un centenar de profesionais de toda a Comunidade Autónoma, que presentarán uns 36 relatorios. O obxectivo deste encontro é difundir o coñecemento relacionado coa xestión da enerxía, pero ao mesmo tempo servir como plataforma de contacto entre profesionais, para o que ademais das correspondentes mesas está previsto a celebración de actos networking paralelos.
Por parte do Deputado de Relacións Institucionais e da Alcaldesa da cidade deuse a benvida, indicando as posibilidades de Lugo como punto de referencia para este tipo de eventos.
Santos Ramos subliñou que “é un orgullo para a nosa provincia poder acoller a maior cita do sector enerxético en Galicia coa celebración deste Congreso, que versará sobre enerxías renovables, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal da enerxía. Dende o Executivo Provincial estamos comprometidos e sensibilizados nesta materia, por iso destinamos 1,5 millón de euros a través do Plan de Aforro enerxético ao que se adheriron 37 Concellos lucenses que lles permitiu aforrar máis dun 10% nos custos municipais; elaboramos un novo programa de aforro enerxético, chamado ILUMIN@, dirixido a todos os Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e totalmente gratuíto para os mesmos, co que recibirán unha axuda económica para a compra e instalación de novo equipamento de baixo consumo en dotacións municipais; e investimos 750.000 euros para dotar dun novo sistema de iluminación ao Paseo do Río Rato, con 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos nun treito de 7 quilómetros”.
Pola súa parte, Méndez López engadiu que “énchenos de orgullo que Lugo sexa unha cidade na que cada vez se celebran máis citas deste tipo, citas importantes polo contido, e polas conclusións ás que se chegará. Cando iniciamos o mandato constituímos a área de Desenvolvemento Sostible, xa que entendemos que ese nome era o máis apropiado para o modelo de cidade que queremos e que levamos a cabo día a día, con medidas de limitación a 30, buscando máis zonas peonís tanto no casco histórico como en outros barrios, etcétera. Ademais, fomos quen de acadar 22 millóns de euros de fondos europeos, para implantar este tipo de medidas de aforro enerxético”.
Oriol Sarmiento reivindicou “o papel dos enxeñeiros industriais como profesionais de referencia da enerxía; este papel debe estar apoiado por outras profesións complementarias, e por iso este congreso exponse aberto á participación de diferentes disciplinas”.
Pola súa banda Fernando Branco citou “a necesidade de implantar a xestión enerxética na empresa e na administración pública indicando que esta é unha disciplina que se implanta a finais do século XX pola necesidade de diminuír as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro, así como garantir a seguridade das instalacións en funcionamento, xa que no caso de accidentes graves mesmo existe a posibilidade de consecuencias penais se se demostra que a propiedade ou o xestor enerxético non tomou as precaucións necesarias”.
24 relatorios
Ademais da inauguración, na xornada deste mércores celebráronse un total de 24 relatorios, en sete mesas. En horario de mañá celebrouse a mesa institucional, na que estiveron presentes as iniciativas do Concello de Lugo e da Feira da Enerxía de Galicia; a segunda mesa centrouse no aforro en instalacións industriais, mentres que a terceira versou sobre as aplicacións da enerxía xeotérmica en Galicia, que contou á súa vez coa colaboración do Clúster Galego de Enerxía Xeotérmica (ACLUXEGA).
En horario de tarde tiveron lugar a Segunda Edición do Seminario Técnico Galego de Iluminación, a quinta Xornada Eólica de Galicia (en colaboración co Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, Cluergal) e as mesas correspondentes ao mantemento de edificios e pobreza enerxética e compoñentes sociais da enerxía.