Máis dun centenar de rapaces serán protagonistas do IV Campus Álex Llorca
O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández Méndez, o xefe provincial de Deportes, Manuel Otero Méndez, o xogador de Álex Llorca, e o director deportivo da AX Sagrado Corazón, Rubén Engroba, presentaron no Pazo de San Marcos, a cuarta edición do Campus Álex Llorca, que se celebrará na capital luguesa do 8 ao 14 de xullo.
O campus está organizado pola Asociación Xuvenil Sagrado Corazón e celebrarase no Pazo dos Deportes de Lugo e nos pavillóns anexos. Ata a data, xa hai máis de 50 inscritos procedentes de todas as provincias de Galicia, así como de Castela e León, Madrid e Barcelona.
Rivera Capón, agradeceu a Álex Llorca pola súa aposta decidida polo baloncesto e sinalou que “contribuímos a facer posible este campus que ten a capacidade de difundir valores, é un encontro deportivo moi proveitoso para os nenos xa que combina múltiples actividades”.
Fernández Méndez destacou a tradición do deporte de baloncesto na cidade de Lugo e afirmou que “dende o Concello apostamos por programacións relacionadas co deporte e a actividade física. Durante unha semana damos a posibilidade de transmitir valores aos participantes deste campus”.
Pola súa parte, Álex Llorca agradeceu a colaboración de Deputación e Concello e apuntou que “os nenos interesados en participar poden apuntarse a través da web do campus na que existen tres rexistros de inscrición”.
Inscricións e prazas dispoñibles
O campus está dirixido aos rapaces nacidos entre o ano 2001 e 2011, terán a posibilidade de inscribirse baixo tres modalidades: réxime externo, semiexterno ou interno. O campus conta con oito pistas cubertas de parqué flotante para nenos. Como Residencia para internos e lugar para comidas e ceas empregaranse as instalacións do CE Santa María. Así mesmo, o Concello de Lugo pon a disposición dos participantes as piscinas municipais para os momentos de lecer. O director técnico é Mateo Rubio, primeiro adestrador do equipo júnior do Fútbol Club Barcelona. Toda a información irase publicando nas redes sociais do campus e na web do mesmo www.campusalexllorca.com, onde ademais poderán inscribirse xa e sumarse aos preto de medio centenar de prescritos que xa se apuntaron. En total hai preto de 120 prazas dispoñibles.
Programación diaria
09:30 - Almorzo
10:30 - Adestramento técnico
11:45 - Descanso
12:15 - Adestramento táctico, toma de decisións
14:00 - Comida
16:00 - Adestramento Táctico aplicado a situación de xogo
17:30 - Merenda
18:00 - Competicións
20:30 - Cea
22:00 - Tecnificación/vídeo/charlas formativas/actividade tempo libre
23:30 - Descanso