Máis dunha vintena de obradoiros, demostracións e expositores artesáns protagonizaron a VIII Romaxe Artesá da Chaira
A VIII Romaxe Artesá da Chaira organizada polo Concello de Muras coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo desenvolveuse na área recreativa da Veiga.
O alcalde de Muras, Manuel Requeixo, e as concelleiras Paula Gomez e Cristina Franco mostráronse orgullosas de "ver consolidado un evento que se puxo en marcha coa nosa chegada ao goberno municipal e que valoriza os oficios tradicionais, a música, a arte e a cultura galega".
Destacaron que "a Romaxe reúne cada vez máis expositores, máis obradoiros e máis persoas de toda Galiza que se achegan ata Muras e que valoran o coidado co que se programan e se desenvolven as actividades" e comprometeron seguir este camiño para "que a Romaxe se manteña como un evento referente da cultura e da música tradicional en todo o país".
Máis dunha vintena de obradoiros, demostracións e expositores artesáns, con propostas pensadas para a participación e a interacción co público, mostraron a diversidade e capacidade de adaptación dos oficios tradicionais nun recinto animado con diversas propostas musicais -Mekánika Rolling Band, Brais das Hortas Hortas ou Peter Punk- e lúdicas -billarda e xogos populares- para público familiar.
Na contorna do recinto inaugurouse una mostra con fotografías antigas realizada por Maider Pumariño coa colaboración da veciñanza de Muras.
A creatividade local tamén estivo presente na mostra de peza de coiro e madeira das Mulleres Rurais de Muras ou na exhición de regueifa do alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba.
As actuacións de Pan Sen Fron e Fillas de Cassandra pecharán unha xornada que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no marco da colaboración que a área de Cultura mantén con concellos e asociacións para facilitar o acceso á cultura en todo o territorio, contribuíndo a consolidar propostas culturais e lúdicas especialmente nos concellos rurais.