Malores Villanueva falará o venres de Fernández del Riego nun acto do Iescha
O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), dentro dos actos programados co gallo das Letras Galegas 2023, organiza a conferencia que leva por título Francisco Fernández del Riego. Un loitador pola idea de Galicia, que será impartida por Malores Villanueva, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), profesora, tradutora, editora e crítica literaria. É
autora do libro co mesmo nome, editado por Galaxia.
O acto terá lugar o venres 26 de maio de 2023, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha. Malores Villanueva achegará a vida e a obra de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado co Día das Letras Galegas de 2023, sesenta anos despois de que el mesmo propuxese á RAG o 17 de maio como data para esta festividade da cultura galega.
Francisco Fernández del Riego, nacionalista de corazón e de razón, mantivo unha traxectoria firme, sen traizoar nunca os seus ideais. Membro do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos, activista universitario, fundador de Editorial Galaxia, codirector da revista Grial, director da Fundación Penzol, presidente da Real Academia Galega, tradutor, editor e articulista incansable, son algunhas das innumerables facetas de quen se definía como “un optimista radical”.
MALORES VILLANUEVA
A Xesteira, Cotobade, 1982) é profesora, editora, crítica literaria e doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963.
Como investigadora está especializada en sociolingüística e en historia da lingua, fundamentalmente no período da ditadura franquista. É autora dos libros Lingua en Socidade, a aldea da Xesteira (2006) e A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo (2010), gañadores do Premio Antón Fraguas de investigación e do Premio novos investigadores: Humanidades e ciencias sociais, respectivamente.
Ten publicados artigos en volumes colectivos e en revistas especializadas como Grial, A Trabe de Ouro, Estudos de lingüística Galega, Madrygal ou o Boletín da Real Academia Galega. (editorialgalaxia.gal).