Man Castro, Trapeiro de Honra
A Asociación Socio-Cultural Lareira de soños dos Vilares acordou dedicar a sexta edición do Premio Trapeiro de Honra 2021 ao xornalista Germán Castro Tomé, Man Castro.
O premio Trapeiro de Honra concédese como un recoñecemento ás voces silenciadas do rural, as persoas e entidades que co seu traballo silencioso constrúen a historia dende o anonimato e a humildade. "Leva o nome de Trapeiro de Honra por ser o de trapeir@s e farrapeir@s un oficio humilde moi arraigado na parroquia chairega dos Vilares e que ten en Pedro Patricio o máis coñecido deste oficio nómada, con pezas musicais adicadas por Xosé Luís Foxo ou Fuxan os Ventos e un fermoso romance de Marica Campo, artigos etc", explican.
Man Castro é colaborador da Lareira de soños e un dos fundadores da NPG Nova Poesía Guitirica. Foi tamén o prologuista do libro Lareira de soños de Pastora Veres. O premiado recibirá unha peza elaborada pola artista Viki Rivadulla.
Nas edicións anteriores, dende 2014, foron recoñecidos, Xosé María Díaz Castro (Póstumo), a Romaría Labrega da Chaira, José López Díaz (Pepe de Cristos), Asunción Lobeiras Díaz (Asunción dos Ares'), Raúl Río Díaz e Sara Veres (Sara das Reixas). O ano pasado foi suspendido pola pandemia.
BIOGRAFÍA
Man Castro naceu o 28 de abril de 1944 en Esmelle, Ferrol (A Coruña). Curmán do poeta Xosé María Díaz Castro, toda a súa familia procede das estirpes de Camuza e Os Manchás dos Vilares.
Cursou estudos de Latín, Humanidades e Filosofía no Seminario de Mondoñedo (1954-1961). Tras deixar a carreira de sacerdote finaliza o Bacharelato Superior en Ferrol e cursa estudos de Maxisterio na Coruña. Desde moi novo vincúlase ao xornalismo como amateur, exercendo como corresponsal. En novembro de 1974 inicia a súa traxectoria profesional no Ferrol Diario. Pouco antes de que o rotativo ferrolán -que na última etapa se chamou El Norte de Galicia- pechara, causa baixa voluntaria e pon en marcha unha delegación do Faro de Vigo, que desempeña entre 1981 e 1984, ano no que pasa a formar parte da redacción da delegación ferrolá de La Voz de Galicia, na que permanece ata 1999, cando é chamado para sacar á rúa e dirixir Diario de Ferrol, auspiciado polo Grupo La Capital.
Ao longo da súa traxectoria profesional, que exerceu sen moverse de Ferrol, foi correspondente de La Región de Ourense, El País e Radio Nacional de España (RNE), así como critico deportivo da desaparecida Hoja del Lunes da Coruña.
Desde o seu posto de director de Diario de Ferrol, puxo en marcha Nordesía, suplemento dominical cultural, abriu o museo xornalístico Xornalismus e implantou os Premios Diario de Ferrol, que se entregaban anualmente coincidindo co aniversario do rotativo local. Foi tamén o impulsor do Foro Ferrol Futuro, tribuna de debates e conferencias, coa colaboración da Universidade da Coruña.
Paralelamente ao desempeño da súa profesión de xornalista, Germán Castro Tomé, xunto con outros profesionais ferroláns, promoveu (1987) a creación do Club de Prensa de Ferrol. Co aval desta entidade, creada con fins lúdico-culturais, entre outras iniciativas lanzou e dirixiu ata 1999 a revista de pensamento e cultura FerrolAnalisis, o certame de fotoxornalismo galego Galicia en Foco, a Revista Oral (xornalismo falado) e o Curso de Pensamiento Español Contemporáneo Carlos Gurméndez, neste caso apoiado pola Universidade da Coruña. Actualmente é presidente de honra da citada asociación.
Está en posesión, entre outros, dos seguintes premios: Fundación Luis Tilve (UGT/1990, polo traballo Las relaciones entre partidos y sindicatos en las sociedades democráticas europeas"), Fundación 10 de Marzo (CC OO/1999 "polo seu compromiso co rigor informativo e a defensa do pluralismo político así como a recuperación da memoria histórica de Ferrol"), premio a unha traxectoria de Diario de Ferrol/2011 e Premio Diego Bernal/2013 da Asociación de Xornalistas de Galicia. Á súa xubilación recibiu diversas distincións e homenaxes de institucións e entidades veciñais, deportivas e culturais. A biblioteca de Esmelle, a súa parroquia natal, á que doou 1500 volumes, leva o nome deste xornalista.
Actualmente explora o xornalismo dixital como columnista en varios medios, ademais de desenvolver actividade como blogueiro: deferrolparaelmundo.blogspot.
"Man Castro é o exemplo perfecto da persoa comprometida coa sociedade, xornalista de raza que leva además por onde vai o orgullo das orixes dos seus ancestros, un vilarego nacido en Esmelle e con sangue chairega nas súas veas", di a organización.
O acto de entrega está por concretar.