Mañá comeza o obradoiro Steam sobre tecnoloxía en Guitiriz
Desenvolverase no mes de agosto, o día 9 para a rapazada de entre 8 e 11 anos e o 11 para os de 9 e 12 anos.
A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) desenvolverá, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o Programa STEAM, que, a través dos obradoiros de verán, procura motivar e favorecer un uso creativo da tecnoloxía así como igualitario entre rapazas e rapaces, derrubando estereotipos.
As xornadas celebraranse nos meses de xullo, agosto e setembro a través de obradoiros de carácter práctico e presencial en 16 concellos de toda Galicia. Este ano a organización busca achegar a formación principalmente a mozos e mozas de municipios máis pequenos e situados no rural galego. En cada concello faranse dúas quendas por idades, unha para a rapazada de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos. A capacidade máxima por quenda será de 15 persoas nas aulas CeMIT e no centro GaiasTech da Xunta de Galicia.
Os lugares definitivos e as datas de celebración dos obradoiros do Programa STEAM estarán dispoñibles na web CeMIT, desde onde se poderá reservar praza, e na web Digitalent. Agasol apoiará a difusión da información sobre as xornadas nas súas redes sociais para animar á inscrición da rapazada.
Contido dos obradoiros
O alumnado participante tomará contacto coa tecnoloxía de forma inspiradora e creativa, con actividades como a creación de circuítos en papel, programación de videoxogos propios con Scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de “cómics” interactivos con makey makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch).
Ademais, as nenas e nenos que asistan aos obradoiros terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos, máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.
Esta actividade na Aula CeMIT Guitiriz desenvolverase de agosto, o día 9 para a rapazada de entre 8 e 11 anos en horario de 10:00 a 13:00h, e o día 11 de agosto para a rapazada de entre 9 a 12 anos en horario de 10:00 a 13:00 h.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
A actividade conta con prazas limitadas. A inscrición realizarase na propia aula aula Cemit en horario de 10 a 12 horas e o prazo remata o 29 de xullo.
Para máis información chamar ao teléfono 982.370.062 ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.guitiriz@xunta.gal