Mañá remata o prazo para anotarse na VI Carreira Popular de Begonte
O Concello de Begonte organiza para o día 1 de xullo a nova edición da Carreira Popular que xa chega a súa sexta edición. Ademais, organízase unha andaina para todas as idades que dará comezo ás 10.00 horas cunha distancia de 7000 metros.
O apartado deportivo arrincará coa carreira absoluta será ás 11:00 horas. Ás 12:00 horas comezará a proba da categoría D, nados de 2054 a 2007 e que percorreran 3.500 metros; logo chegará a categoría C ás 12:15 horas será para os nados de 2008 a 2010 e farán 2.000 metros; a categoría B será ás 12:35 horas cos nados de 2011 a 2013 percorrendo 1.000 metros; ás 12:45 horas a categoría A percorrerá 500 metros e será para os nados de 2014 a 2015; e xa por último os minis, nados de e de 2016 a 2019, que farán 150 metros e comezarán ás 12:50 horas.
Os premios serán para os tres primeiros clasificados na carreira absoluta masculina e feminina, que ademais de trofeo recibirán un agasallo. Tamén haberá premios para os catro melllores equipos e distinguirase ao primeiro atleta local masculino e feminino. Así mesmo, tamén haberá premio para o club que leve o maior número de inscritos e para os tres primeiros clasificados no resto de categorías.
E para finalizar este evento deportivo, tódolos participantes poderán degustar uns aperitivos gratis, finalizada a entrega de premios, no Club Fluvial de Begonte.
O prazo para anotarse remata este mércores, 28 de xuño a través da web championchipnorte.