Mancomunida e FCAM artellan unha estratexia para a reactivación da economía
Os presidentes da FCAM e da Mancomunidade de Concellos da Mariña mantiveron un encontro en Foz co obxectivo de deseñar unha estratexia para a reactivación económica da comarca. José Carlos Paleo e Fran Cajoto consideran que a imaxe da costa lucense resultou altamente danada nos últimos días e apostan porque o turismo renove a confianza nun destino que carece de aglomeracións e no que a súa cidadanía está a facer vida na nova normalidade.
Para o presidente da FCAM, José Carlos Paleo, “temos que dar un paso adiante entre todos para poñer en valor á Mariña e non anular completamente parte dos eventos suspendidos senón que imos ver se podemos reactivar aqueles que poidamos facer, a través de xornadas na hostalería, e dar a coñecer nos medios e nas redes todo o posible a Costa lucense, que estivo danada días atrás e temos que poñernos en marcha de inmediato”.
O presidente da Federación de Comercio A Mariña dixo que “se trata de facer vida normal, adaptada ás circunstancias sanitarias que temos, que non son exclusivas da Mariña senón que son de todo o país e do resto do mundo. Estamos todos un pouco pillados nese sentido, pero facemos vida normal: igual que vamos a un supermercado, tomamos un café ou un xeado tamén temos que reactivar o comercio e a hostalería, recibir visitantes de fin de semana ou para a época vacacional, por días concretos ou por semanas; hai que volver a poñerse as pilas porque o verán acábase enseguida”.
Paleo considera que “non temos que inventar nada, témolo todo á man, pero cústanos poñer en valor moito máis o que temos, así nolo din os visitantes continuamente, cando están aquí. E ao mesmo tempo nós cando viaxamos observamos as riquezas que temos porque cando vamos aos sitios vemos o que hai”.
E engadiu “desde a FCAM vamos reunirnos xa nas próximas horas por vídeo conferencia e poñerémonos en contacto coas diferentes administracións (Xunta de Galicia e Deputación Provincial), que sempre colaboran coa Federación de Comercio da Mariña durante todo o ano en distintas actividades e temos convenio con estas administracións para as diferentes campañas que se fan. E neste momento seguramente haxa que habilitar algunha partida especial para seguir adiante e reorganizarse neste sentido para potenciar un pouco máis, neste momento tan crítico en pleno xullo, cando hai que andar e non perder nin un día mais”.
O presidente da FCAM tivo palabras de agradecemento para Fran Cajoto: “porque atendeu a nosa chamada de inmediato e xa nos vimos este mediodía. Na FCAM estamos moi preocupados pola situación pola que están a atravesar a hostalería e o comercio e así llo fixemos saber ao presidente da Mancomunidade. O obxectivo é artellar unha estratexia urxente para desenvolver ao longo dos vindeiros días”.
Pola súa banda, Fran Cajoto explicou que “hoxe, como presidente da Mancomunidade, tiven unha xuntanza coa Federación de Comercio A Mariña, unha reunión moi necesaria debido á limitación dos desprazamentos e á mala imaxe que tivemos esta tempada na prensa nacional e en todos os medios, como a televisión, focalizando o confinamento da Mariña, que non é tal senón unha limitación de movementos. Isto provocou unha alarma e medo, que non debería haber senón respecto ao virus. E o que estamos vendo son números de venta moi baixos tanto no pequeno comercio como no sector da hostalería”.
O presidente da Mancomunidade sinalou que “sen enganar a ninguén simplemente hai que mostrar o que temos: grandes profesionais que traballan, que están a disposición dos clientes e uns comercios e unha hostalería de calidade nun lugar que non está masificado, como é a Costa de Lugo. Nese sentido acordamos iniciar unha campaña de marketing, enfocada sobre todo ás redes sociais, para que se visualice o bo que temos e como se están desenvolvendo aquí as medidas, como o uso de mascarillas, a disposición das mesas, etcétera, e como é un destino sen aglomeracións e como podemos traballar ben, con tranquilidade”.
Cajoto subliñou que “a idea é enfocar a imaxe da Mariña, recuperar ese pulo que íamos conseguindo e para o que o coronavirus resultou ser un auténtico mazazo. E aínda que non cheguemos, nin con moito, aos niveis do ano pasado polo menos permitir ese desafogo e que os comercios poidan respirar. Facémolo desde aquí, a FCAM e a Mancomunidade, pero desde logo que vamos pedir o apoio de todas as administracións para que tamén a través doutras iniciativas como xornadas gastronómicas de todo tipo na Mariña poidan aportar e entre todos melloremos, que é o principal”.