Manifestación contra "a escravitude agroindustrial de Surexport" en Castro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
Mañá día 18 de agosto organizarase unha campaña de denuncia a pé de rúa contra "á escravitude agroindustrial de Surexport"
strawberries 6006415_960_720
17 Ago 2021

Mañá día 18 de agosto organizarase unha campaña de denuncia a pé de rúa contra "á escravitude agroindustrial que a empresa onubense de recolección de froitos vermellos Surexport pretende instalar na nosa terra", din os colectivos organizadores da mesma.

Os organizadores desta concentración son Adega, Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga, Comisións Obreiras, Confederación Intersindical Galega, CS Madia Leva!, Central Unitaria de Traballadoras, Ecoloxistas en Acción, Federación Rural Galega, Sindicato Labrego Galego, activistas da loita contra a megaminería, movementos sociais, veciñanza da zona, ex-traballadoras e veciños da contorna onde se está a instalar esta agroindustria.

A campaña dará comezo ás 10.30 horas na Carballeira de Castro para proceder ao reparto de medio milleiro de pasquóns informativos na feira de Castro Ribeiras de Lea.

Acto seguido, ás 12.00 horas, será a concetración diante da sede de Surexport en Castro de Rei, onde serán proporcionadas declaración e informarase sobre a denuncia que será rexistrada tamén na Subdelagación do Goberno.

"Dende mediados do pasado mes de xullo diversas organizacións galegas vimos articulando unha fronte común para denunciar as graves prácticas que a empresa Surexport está a levar a cabo na Terra Chá", din os organizadores da manifestación.

"As testemuñas relatan presións constantes dirixidas especialmente contra as persoas migrantes, ameazas de despedimento se non se recollen cantidades desorbitadas de arando en xornadas de 12 horas, incumprimento das condicións salariais xa que as horas extra son pagadas a 6 euros en lugar de a 12 euros, amoreamento de traballadores sen distancia de seguridade nin máscara durante a pausa da comida, limitación da remuneración do tempo de descanso a só 15 minutos ao día ou a escaseza de auga que dificulta ter unhas condicións hixiénico-sanitarias mínimas", relatan.

"As prácticas nefastas desta empresa tamén se concretan na contaminación de aguas e solos vinculada ao seu modelo de produción agroindustrial, sustentado no emprego de abundantes produtos químicos, así como no acaparamento de terras agrarias para expandir o seus monocultivos, realizando competencia desleal, provocando o abandono da actividade agraria e acelerando o despoboamento do rural", informaron desde os colectivos.

Fai unhas semanas, a posta en coñecemento da Consellaría de Emprego e Igualdade así como da Consellería de Medio Rural en Galicia da "posible explotación laboral infrinxida por esta empresa orixinaria de Huelva e integrante dun potente conglomerado agroindustrial", coincidiu no tempo ca contundente denuncia realizada a nivel internacional por parte de observatorios dos dereitos humanos como Danwatch -que motivou a suspensión de contratos con cadeas de supermercados danesas-, e medios de comunicación como Politiken ou o portal de novas Al Jazzeera. Segundo datos da propia empresa, Surexport acapara o sector da produción privada de froitos vermellos - framboesas, amorodos, arandos, moras-, con plantacións en Kenia, Marrocos, Portugal e o Estado español.

0.20021796226501